Guillerme afirma en Ourense que o BNG "é a única garantía de que Galiza estea presente en Madrid e de políticas alternativas ao servizo da maiorái social"

"As pemes galegas sufrirán especialmente a bancarización e privatización de Nova Caixa Galicia. Está claro que apartir de agora terán máis difícil acceso ao crédito", alegou o líder nacionalista durante a súa intervención na clausura o Congreso do PNG

Ourense, 25 Setembro 11.- O Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, na súa intervención na clausura do Congreso do PNG -partido integrado no BNG-, afirmou que só o nacionalismo galego “defende os intereses das pequenas e medianas empresas, directamente agredidas polas políticas neoliberais que despregan tanto o PP desde a Xunta como o PSOE desde o goberno do Estado.

"Defendemos as e os traballadores e tamén defendemos o aparato produtivo deste País, a súa pequena e mediana empresa, vítimas de políticas equivocadas dos gobernos galego e do Estado", engadiu o voceiro nacionalista, quen asegurou que as pemes galegas "sufrirán especialmente a bancarización de Nova Caixa Galicia porque apartir de agora van ter máis dificuldade para acceder ao crédito".

Para Guillerme Vázquez, está claro que agora os bancos buscan o negocio non dar crédito á economía produtiva, pensan só na especulación financeira. “Por iso era tan importante defender que NCG se mantivese como caixa. Por iso é tan clamoroso o fracaso do Goberno Feijóo".

O líder do BNG defendeu perante os asistentes que a única garantía de que Galiza estea presente no Congreso e, por tanto, a única garantía de defensa dos intereses tanto dos cidadáns como do tecido produtivo do País é o “G” de Galiza, o “G de Bloque Nacionalista Galego”.

Lembrou que malia os que pretenden introducir a idea de que o que está en xogo o 20 N é a alternancia entre Rajoy e Rubalcaba, é dicir, “entre máis do mesmo”, hai que elexir “alternativa” e a única garantía desas políticas diferentes, posíbeis e alternativas é a proposta programática do BNG, como así o teñen demostrado, de feito, os dous deputados no Congreso e cabezas de lista por Coruña e Pontevedra, Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila, así como o seu senador e cabeza de lista por Ourense -cidade na que se celebrou o Congreso-, Xosé Manuel Pérez Bouza. 

“O BNG fai políticas para a xente e non para os mercados, o BNG representa a forza política que ten como obxectivo as maiorías sociais. Nós non estamos presionados por poderes que non teñen a lexitimidade democrática que si teñen os cidadáns, poderes que nos levaron á situación de crise actual e aos que están submetidos tanto o PP como o PSOE”.

Guillerme Vázquez reiterou a imaxe de que o BNG é o “equipo da casa” e advertiu sobre o “centralismo” que representan tanto o PP de Rajoy como o PSOE de Rubalcaba, facendo un chamamento a reivindicar como reivindican  vascos e cataláns un nacionalismo forte, forzas nacionalistas propias que sexa quen de defender os seus intereses específicos en Madrid.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]