Galiza Nova celebra este fin de semana en Bergantiños as XXIII Xornadas de Verán

Cartaz das xornadas

Santiago de Compostela, 20 setembro 2011.- A Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, presentou hoxe as tradicionais Xornadas da mocidade que Galiza Nova organiza dende a súa fundación e que se celebran esta fin de semana na comarca de Bergantiños.

A responsábel da organización xuvenil destacou que esta XXIII edición “está especialmente centrada no coñecemento da nosa riqueza natural, cultural e histórica porque concibimos estas Xornadas como unha fiestra aberta ao coñecemento e posta en valor de Galiza”.

Aproveitando que onte arrancou o curso escolar non universitario, Iria Aboi sinalou que “Dende Galiza Nova queremos suplir as carencias dun ensino virado de costas á nosa realidade cultural e á nosa riqueza patrimonial e natural e polo tanto pretendemos poñer en valor entre a xente nova todo aquilo que está silenciado nas escolas galegas”. “Do mesmo xeito” sinalou “pretendemos abordar temas de actualidade política como a crise económica e a reforma fraudulenta da Constitución pactada por PP e PSOE cun acto no que intervirá o Portavoz Nacional do BNG, porque a mocidade precisa coñecer como nos están a afectar este tipo de decisións e como as políticas de PP e PSOE van hipotecar o noso futuro”.

Iria Aboi criticou os discursos de dirixentes do PP “que se empeñan en dar unha imaxe negativa da mocidade”. Para Aboi “a existencia destas xornadas demostra que hai unha mocidade comprometida e activa, que participa de iniciativas de lecer alternativo como estas, moi lonxe da imaxe que o PP se empeña en transmitir”. “Xa está ben de tanta caricatura a través dos medios de comunicación, falan de botellón porque non lles interesa falar de desemprego xuvenil” e pediulle ao presidente Feijóo, ao alcalde de Santiago e ao da Coruña que deixen de criminalizar ao conxunto das mozas e mozos galegos”.

As actividades formativas destas xornadas céntranse este ano no coñecemento de importantes figuras como Alfonso D. Rodríguez Castelao do que se cumpren 125 anos do seu nacemento ou personaxes importantes na comarca anfitrioa como Eduardo Pondal, Alfredo Brañas ou os condes de Traba, coincidindo co tamén 1600 aniversario do Reino de Galiza.

Xa hai cerca dun cento de mozos e mozas apuntados a estas xornadas que aínda teñen o prazo de inscrición aberto a un prezo de 20 euros que inclúen todas as actividades, así como o desprazamento, as visitas, ceas e xantares nos concellos de Carballo, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, a Laracha e Coristanco.

PROGRAMA: XXIII XORNADAS DE VERÁN DE GALIZA NOVA – BERGANTIÑOS 2011

Venres, 23 de setembro

17.15 Saída de buses dende Compostela (Alameda de Santiago, en fronte gasolineira)
18.30 Benvida no Concello de Carballo. Evencio Ferrero (alcalde de Carballo); Silvana Castro (concelleira de Mocidade); Vítor Recarei (responsábel comarcal do BNG); Pablo Vázquez (responsábel comarcal de Galiza Nova), Iria Aboi (Secretaria Xeral de Galiza Nova).
19.30 Roteiro explicativo sobre Alfredo Brañas (Xan Fraga, historiador)
20.30 Acto público sobre a reforma da Constitución Española. Evencio Ferrero (alcalde de Carballo); Iria Aboi (secretaria xeral de Galiza Nova); Guillerme Vázquez (portavoz nacional do BNG)
22.00 Cea
23.00 Saída nocturna por Carballo. Festa LK na Taberna Café O Patacón

Sábado, 24 de setembro

09.30 Almorzo
10.30 Roteiro pondaliano en Ponteceso (dende Ponteceso a Valarés pasando pola casa natal do autor, o Monte Branco…)
12.30 Acto conmemorativo do 125 nacemento de Castelao con Xoán Carlos Garrido (profesor e historiador) Casa dos Veciños do Couto.
14.30 Xantar ao aire libre na carballeira e a praia de Valarés
16.00 Esparexemento e actividade deportiva na Praia do Pendón (Cabana de Bergantiños)
-. Kaiak
-. Roteiro dos Muíños, con remate no Dolmen de Dombate
-. Deportes varios: fútbol sala, baloncesto, volei-praia…
-. Esparexemento na praia
18.30 Visita ao espazo natural da lagoa de Traba. Explicación do enclave natural e da historia dos Condes de Traba.
20.00 Cea na área recreativa anexa á praia de Soesto (Laxe)
22.30 Saída nocturna pola Laracha. Festa no Pub D’Antón co grupo Trapallada.

Domingo 25 de setembro

10.00 Almorzo
11.00 Visita á vila oleira de Buño (Museo do Forno do Forte e talleres tradicionais de olería)
13.00 Acto sobre os/as represaliados/as galegos/as de 1936 e a simboloxía franquista na Laracha.
14.30 Xantar no espazo natural de Verdes (Coristanco)
16.00 Saída dos buses cara Compostela

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • Cartaz das Xornadas