Guillerme defende en Vigo a "intervención pública na economía" como alternativa "ás políticas fracasadas do bipartidismo"

“A factura das quebras bancarias haillela que pasar aos directivos e non ao pobo e aínda non vin que ningún directivo fose levado ante a Xustiza”

Vigo, 19 Setembro 2011. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, defendeu esta tarde no auditorio do Areal en Vigo unha “saída distinta” da crise económica que pase polo protagonismo do sector público na “reactivación da economía” frente ao “modelo neoliberal que consiste en facer a política que lle interesa á grande banca”.

“Levamos 3 anos de crise e 3 anos de ensaios neoliberais para saír dela. Todos fracasados. Non podemos continuar nin un minuto máis así. As políticas practicadas polo bipartidismo -polo PSOE no Estado e polo PP na Xunta- non dan máis de si. Son políticas socialmente inxustas e economicamente contraproducentes. Non conseguiron reactivar a economía, senón todo o contrario. Deprimiron aínda máis a actividade económica e provocaron o incremento do paro. Co PP e co PSOE só aumentan as desigualdades sociais e o desemprego”, afirmou o portavoz nacional no curso dun acto organizado polo BNG sobre a reforma constitucional e no que tamén tomaron parte a número un nacionalista ao Congreso por Pontevedra Olaia Fernández Davila e o portavoz do grupo municipal do BNG, Santiago Domínguez.

Si hai alternativa, enfatizou o líder nacionalista. E pasou a enumerar algunhas das propostas do BNG que a informan: “Control público da economía. Reforma fiscal seria, que garanta o principio de que paguen máis os que máis teñen. Supresión de ministerios que invaden competencias propias das comunidades autónomas. Supresión das deputacións. Redución de gastos militares, coa saída das tropas de Afganistán. Eliminación das axudas públicas a confesións relixiosas e nomeadamente as da Igrexa católica”.

O que veu defender o líder do BNG é que “a factura da crise” a teñen que pagar “os que a causaron” e non “o pobo traballador”. “Aínda non vin sentado no banquiño dos acusados a ningún directivo responsábel dunha quebra bancaria”, exemplificou Guillerme.

PRIORIDADE ABSOLUTA DO DÉFICIT

Para o portavoz nacional, o feito de fixar un límite ao deficit público como “prioridade absoluta” no texto constitucional supón un chanzo máis na carreira iniciada por PP e PSOE para recortar servizos e diminuír os dereitos dos cidadáns: “conxelación de pensións, redución de salarios públicos, abaratamento dos despidos, despois suba dos impostos indirectos, e agora unha nova reforma laboral para estender aínda máis os contratos temporais”.

De feito, a fixación dun límite ao déficit público convirte en imposíbeis moitas políticas que poden ser necesarias para superar a crise económica. Así, o líder do BNG afirmou que “coa nova Carta Magna na man, as políticas deseñadas por Barack Obama para loitar contra a crise serían inconstitucionais no Estado español”.

Guillerme criticou duramente as actuacións de socialistas e populares e lembroulles que “os poderes públicos non están aí para calmar aos mercados, senón para calmar, para servir á cidadanía”.

O líder nacionalista afirmou que, frente a isto, “hai instrumentos que podemos e debemos utilizar”, lembrou o portavoz nacional, “como a mobilización social e o voto e as eleccións xerais do 20-N son unha boa ocasión porque hai alternativa e é a que formula o BNG: democracia, autogoberno, soberanía política, cambio radical da política económica”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]