"Todo o mundo sabe que o BNG é o único que defende a Galiza nas Cortes", asegura Guillerme

Guillerme cos cabezas de lista

Santiago de Compostela, 16 Setembro 2011.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, amosouse hoxe convencido de que “as galegas e os galegos, voten ou non ao BNG, saben que o Bloque é a única garantía de defensa dos intereses de Galiza nas Cortes do Estado”.

O líder nacionalista presentou esta mañá en rolda de prensa aos cabezas de lista das candidaturas do BNG ao Congreso para as eleccións xerais do 20 de novembro, e que están integradas por Francisco Jorquera, na Coruña; Olaia Fernández Davila, en Pontevedra; María Xosé Vega, por Lugo, e Xosé Manuel Pérez Bouza pola provincia de Ourense.

Guillerme definiunos como “xente con capacidade, con experiencia contrastada, e que fixeron sempre un traballo útil para Galiza e para a maioría social e para min é un orgullo como portavoz nacional dicir que estes son os candidatos e candidatas do BNG”.

“A xente sabe que quen defende a Galiza en Madrid é o BNG”

Guillerme: "O BNG é a alternativa galega e de esquerdas"Neste sentido, amosouse convencido de que “con independencia de que os galegos e galegas voten ou non ao BNG, creo que todo o mundo neste país sabe que o Bloque é a única forza política que defende os intereses galegos. Sen a presenza do BNG nas Cortes do Estado non existe a axenda galega”.

“E iso -subliñou- non é unha afirmación gratuíta, é unha constatación, é unha demostración ao longo destes anos de presenta do BNG nas Cortes do Estado porque o BNG é a equipa da casa e non hai outra”.

“Non é tempo de alternancia, é tempo de alternativas”

Ademais, Guillerme salientou que “o BNG é unha alternativa útil para Galiza e a única con posibilidades reais de obter representación no Congreso nun momento no que non é tempo de alternancias, son tempos de alternativas, como a do BNG, que empuxen nunha dirección diferente ás políticas que se están a aplicar, e que non son ineficaces senón letais para a maioría da sociedade”.

Francisco Jorquera: "Os confesións relixiosas teñen que ser financiadas polos crentes, non polo Estado"Así, advertiu de que “tanto o PP como o PSOE a través da reforma da Constitución que pactaron poñen en evidencia que as políticas que van seguir van ser as mesmas, por moito que, empezada a precampaña eleitoral, aparenten choques de trens que non existen”.

Por iso, concluíu que “os problemas sociais e económicos que temos non se van solucionar con máis dereita, pero si apostando polo BNG, que é a alternativa galega e de esquerdas”.

Francisco Jorquera: Modificación da lei eleitoral, máis dereitos civís e separación clara de igrexa e Estado

Pola súa parte, o cabeza de lista do BNG pola Coruña, Francisco Jorquera, debullou as propostas do BNG en materia de rexeneración democrática e dereitos civís.

Pepa Vega: "Comprometémonos cos servizos públicos"Comprometeu que “o BNG vai traballar a fondo para facer unha rexeneración política”. Jorquera explicou que “esta crise económica tamén ese está a transformar nunha crise da propia democracia, porque a xente observa como os poderes públicos se someten sistematicamente ao que ditan os grandes poderes económicos, ao que ditan instancias non democráticas”.

Por iso anunciou que o BNG traballará por unha reforma eleitoral para que a representación se adapte máis ao pluralismo da sociedade. En concreto, anunciou que “promoveremos que as circunscricións eleitorais deixen de ser as provincias e pasen a ser as Comunidades Autónomas, porque o reparto de escanos sexa directamente proporcional aos votos acadados e tamén porque se eliminen restricións como ter un mínimo do 3% para optar ao reparto de escanos ou as trabas existentes para as novas formacións políticas”.

Asemade, Francisco Jorquera salientou que “no BNG apostamos por unha democracia participativa a través dunha Lei de Consultas Populares que incentive estes procesos en cada administración para evitar espectáculos vergoñentos como o que sucedeu con esta reforma constitucional”.

Igualmente o programa do BNG contempla o establecemento dun réxime estrito de incompatibilidades tanto para os cargos públicos como o ex-altos cargos públicos “para preservar a independencia da política dos grandes grupos económicos”.

Do mesmo xeito, e no capítulo de dereitos cívicos, o candidato do BNG pola Coruña que “no BNG apostamos por o dereito a unha morte digna, polo dereitos das parellos do mesmo sexo, ou polo recoñecemento das vítimas do franquismo mediante a reforma da Lei de Amnistía”.

Xosé Manuel Pérez Bouza: "Defendemos a supresión das deputacións e máis autogoberno para Galiza"Por último, Jorquera lembrou que “o BNG avoga por unha separación clara entre Igrexa e Estado” para o que os nacionalistas galegos defenderán que “as confesións relixiosas teñan que financiarse unicamente con cargo aos fondos económicos dos crentes de cada relixión”.

María Xosé Vega: defensa dos servizos públicos

Pola súa parte, a cabeza de lista do BNG por Lugo, María Xosé Vega, lembrou que “a defensa dos servizos públicos e dos servizos sociais forma parte da identidade do BNG e así o fai onde goberna, e máis aínda nun momento de crise no que cada vez máis xente o pasa mal”.

Olaia Fernández Davila: "A voz do BNG é necesaria no Congreso para defender aos traballadores e traballadoras"Por iso, asegurou que “a defensa do ensino, da sanidade ou dos servizos sociais públicos vai ser un compromiso reforzado do BNG, fronte aos ataques e recortes que practican tanto PSOE dende o Goberno Central como o PP dende o goberno da Xunta”.

Xosé Manuel Pérez Bouza: reforma do modelo de Estado

Pola súa parte, Xosé Manuel Pérez Bouza, actual senador e que encabezará as listas do BNG ao Congreso por Ourense, explicou as propostas do BNG en materia de modelo de Estado.

Neste sentido, afirmou que “defendemos máis autogoberno para Galiza por identidade, porque Galiza como nación temos dereito; por responsabilidade, porque cremos nas potencialidades dos galegos e galegas e na nosa capacidade para gobernarnos e e facer fronte aos momentos de crise ;e tamén por eficacia, porque canto máis preto esta a administración dos cidadáns máis eficaz é”.

Engadiu ademais que “queremos en definitiva un Estado moderno, no que se supriman institucións ineficaces e caciquís, como son as deputacións provinciais”.

Segundo o candidato do BNG “trataríase, en definitiva, de que teñamos maior poder de decisión en Galiza e de que os problemas dos galegos e galegas os resolvamos dende aquí e pensando nos intereses de Galiza”.

Olaia Fernández Davila: defensa dos traballadores e traballadoras

Por último, a candidata do BNG por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, comprometeu que “o BNG vai traballar por unha política laboral que cree emprego estábel, por defender a negociación colectiva e que sexa de ámbito galego, e reformas laborais no sentido contrario ás que ven facendo o PSOE co apoio do PP”.

E é que para a deputada nacionalista “é imprescindíbel que no próximo Congreso a voz do BNG estea presente para defender as políticas sociais e laborais a favor dos traballadores e traballadoras”.

“Non é inestabilidade no emprego o que se precisa, senón dotalos de maior poder adquisitivo para que poidan consumir e así saír da crise”, concluíu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]