"Por Galiza. Queremos democracia, queremos traballo", lema de precampaña do BNG

“Hai quen di ser moi galego, pero logo se ausenta do pleno do Congreso cando se fala de Galiza”, di Montse Prado en alusión á ausencia de Rajoy no debate de política xeral

Santiago de Compostela, 14 Setembro 11.- A Secretaria de Organización e directora de campaña do BNG, Montse Prado, e a Secretaria de Imaxe e Propaganda da Executiva Nacional, Ana Pontón, presentaron esta mañá en rolda de prensa o lema de precampaña “Por Galiza. Queremos democracia e queremos traballo”.

A Secretaria de Organización e responsábel da campaña deste 20-N pediu que se aposte “pola equipa da casa” fronte a un “bipartidismo esgotado que só ofrece máis recortes”. “Non se trata de escoller entre o malo e o peor”, como pretenden facernos crer”.

"O BNG pode dicir que se presenta ás eleccións co aval do traballo moi ben feito"“Frente aos que queren convencernos de que nada se pode facer e de que todos os políticos son iguais”, continuou Montse Prado, “imos incidir na necesidade de converter o desencanto en acción mobilizándonos e trasladando a idea de que para cambiar as cousas é necesario converter a disconformidade en apoios ao BNG. Imos poñelos ao servizo de Galiza”.

Montse Prado afirmou “sen rubor” que o BNG pode dicir que se presenta a estas eleccións “co aval do traballo moi ben feito”. “Non houbo tema relevante no noso país que non fose trasladado ao Congreso”, continuou, “mentres outros que se din moi galegos”, en alusión a Rajoy e a súa ausencia durante o debate de política xeral cando Jorquera tomou a palabra na tribuna, “auséntanse do hemiciclo cando se debaten as cuestións referidas a Galiza”.

A directora de campaña, Montse Prado, subliñou que o BNG leva xa moi avanzado o traballo de cara a estas eleccións, “conscientes como somos da importancia da situación”. De aí que a formación nacionalista fose a primeira forza política en ter aprobadas as súas listas electorais en Galiza, “nun proceso democrático no que participou o conxunto da militancia” e que se teña tamén “ultimado” o programa electoral que agora, tal e como indicou Montse Prado, “vaise abrir ás aportacións do Consello Nacional e do conxunto da cidadanía para reflectir realmente as necesidades de Galiza”.

Coa Comisión Electoral xa tamén en funcionamento, o BNG, tal e como explicou a directora de campaña, “quere centrarse na explicación á sociedade galega das nosas propostas. Queremos trasladar que Galiza é a prioridade absoluta do BNG”.

"Apostamos por unha mensaxe clara e directa para explicarlles aos galegos o que está en xogo o 20-N"Tal e como se reflicte no lema de precampaña e nas accións que xa está a desenvolver o BNG, “o obxectivo das políticas do BNG son a defensa de Galiza, das maiorías sociais”, explicou Montse Prado, “mentres que as franquicias de PP e PSOE non poden dicir o mesmo e demostraron que á hora de elixir entre os intereses de Galiza e os das súas centrais non dubidan en defender os seus partidos”. Como exemplo disto, a Secretaria de Organización lembrou o sucedido “coas caixas galegas, co financiamento, coa reforma da Constitución e agora con esta reforma laboral”.

100.000 FOLLETOS CON PROPOSTAS

Pola contra, o BNG presenta, tal e como afirmou Montse Prado, “esta campaña dirixida a todos os que cren en Galiza, que se sinten galegos e galegas, que non están dispostos a aceptar sen máis estas políticas de dereita que aplican uns e outros. É unha campaña dirixida aos que cren en políticas alternativas a favor dos traballadores e traballadoras, mozos, mozas, dos pensionistas, pequenos e medianos empresarios, os autónomos, etc”.

O BNG arranca unha precampaña “explicativa, moi a pé de rúa, na que imos optimizar ao máximo os recursos humans cos militantes como principal activo. Ilusionando, convencendo, clarificando, escoitando aos cidadáns e dándolles protagonismo”.

Nas vindeiras semanas o BNG porá en marcha unha campaña que combina os actos explicativos co portavoz nacional e os candidatos, cargos orgánicos e institucionais do BNG con repartos de máis de 100.000 folletos explicativos coas propostas nacionalistas.

GALIZA XÓGASE MOITO

A Secretaria de Imaxe e Propaganda da Executiva Nacional do BNG, Ana Pontón, explicou que o lema escollido é “un lema claro e directo que centra as principais preocupacións do BNG e da sociedade galega”.

“Apostamos por unha mensaxe clara e directa para explicarlle aos galegos e galegas o que está en xogo o 20-N”, afirmou Ana Pontón, ao tempo que apuntou que “é moito o que está en xogo” e insistiu na “necesidade que ten Galiza de seguir contando cunha voz que defenda con clareza os seus intereses en Madrid”.

Así, Ana Pontón aludiu á situación que se vive no noso país no que “lideramos tristemente a destrución de emprego cun PP incapaz de frear esta situación”.

Frente ao bipartidismo PP-PSOE “que coinciden nas receitas que se aplican, dacordo en poñer en marcha acordos regresivos e ineficaces para solucionar os problemas da nosa sociedade”, está o BNG. Como exemplo desta actitude das forzas políticas estatais maioritarias, apuntou á nova reforma laboral que “á que vai dar o seu apoio o PP, unha reforma que só degrada máis os dereitos e non atalla o desemprego, senón que agrava esta situación”.

“O nacionalismo é unha alternativa ante a crise da democracia”, afirmou Ana Pontón e indicou que o lema de precampaña se refire tamén á necesidade que ten Galiza de defender a súa soberanía e buscar mecanismos de participación do conxunto do pobo “e non regresións como a que supón a reforma constitucional”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]