O Consello Nacional aproba as candidaturas ás eleccións xerais co 97% dos votos a favor

Teo, 10 setembro 2011.- O Consello Nacional do BNG aprobou esta mañá as listas ás eleccións xerais do 20 de novembro co 97% dos votos a favor. En concreto, as candidaturas do BNG recibiron 63 votos a favor, ningún en contra e dúas abstencións.

Deste xeito, e tras seren debatidas nos consellos comarcais, as listas do BNG ao Congreso dos Deputados estarán encabezadas por Francisco Jorquera, na Coruña; Olaia Fernández Davila, por Pontevedra; Xosé Manuel Pérez Bouza pola provincia de Ourense, e María Xosé Vega, por Lugo.

Ademais, o Consello Nacional do BNG aprobou o programa co que concorrerá aos comicios do Estado con 62 votos a favor, ningún en contra e unha abstención. Igualmente, aprobouse por asentemento absoluto a Comisión de Campaña, que estará encabezada pola secretaria de Organización, Montse Prado.

“Todo o mundo sabe que o BNG é quen defende a Galiza no Parlamento do Estado”

Na rolda de prensa posterior á reunión do máximo órgano do BNG entre asembleas, o portavoz nacional, Guillerme Vázquez salientou que “o BNG irá a estas eleccións xerais na convicción de que si podemos ter un bo resultado eleitoral, de que somos a alternativa ao bipartidismo estatal”.

Do mesmo xeito, Guillerme subliñou que “temos a convicción de que todos os galegos saben que, independentemente de que nos voten, todo o mundo sabe que o BNG é a garantía de que Galiza e os seus problemas estean presentes no Parlamento do Estado”.

“O PP e o PSOE gobernan para os mercados e non para a xente”

Ademais, o líder do BNG denunciou que as políticas que están a aplicar tanto o PP como o PSOE “non só son equivocadas para sair da crise senón que ademais son letais para a xente”.

“Canto máis gobernan para os mercados, peor lle vai á xente e por iso é necesario cambiar o rumbo, e a apoiar a alternativa que representa o BNG”, asegurou.

Guillerme amosouse preocupado de que sexa “o goberno de Feijoo en Galiza o modelo que o PP quere implantar no Estado cando goberne, porque o balanzo desta política está a vista de todo: nada mellora e os recortes afectan a cuestións básicas como o ensino público”.

Concentración o próximo sábado en Santiago contra a reforma constitucional

Por outra parte, o Consello Nacional do BNG acordou celebrar unha concentración o próximo sábado, 17 de setembro, contra a reforma constitucional impulsada por PP e PSOE. O acto será ás 18:00 horas na compostelá Praza da Quintana. Asemade, o BNG celebrará ao longo desta semana diversos actos polo territorio galego para explicar porqué os nacionalistas galegos rexeitan esta medida.

Neste sentido, Guillerme volveu denunciar que “con esta reforma constitucional establécese que a prioridade en materia económica tanto de PP como PSOE, e dos próximos gobernos do Estado, é facer fronte á débeda pública e aos seus intereses abusivos, custe o que lle custe á xente, custe o que lle custe ao pobo galego”.

Resolución contra os novos ataques do PP á lingua galega

Por último, o Consello Nacional do BNG aprobou por unanimidade unha resolución de rexeitamento ao novo ataque do goberno do PP na Xunta ao idioma galego, a través do drástico recorte das axudas para a normalización lingüística nos concellos e á edición de libros en galego”.

Guillerme denuncia que “con estas medidas o PP afonda na súa liña de ataque contra un dos signos de identidade de Galiza como é o noso idioma, e de paso prexudicando ás empresas editoriais galegas.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]