Multitudinaria manifestación contra os recortes no ensino público

Guillerme Vázquez conversa coa portavoz de Educación do grupo parlamentar do BNG, Carme Adán

Santiago de Compostela, 9 Setembro 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acudiu esta mañá á multitudinaria manifestación convocada por distintas centrais sindicais en protesta polos recortes na educación pública e as políticas regresivas do PP. Alí lamentou esta actitude que responde ás directrices do presidente da Xunta, “isto é consecuencia da política do señor Núñez Feijóo que por todo norte ten aquelo de sudar a camiseta para ser o que recorta máis e o que recorta antes no conxunto do Estado español”.

Tal e como indicou Guillerme, “o Bloque Nacionalista Galego discute a política que está a levar adiante o PP, política que pasa por retallar en todo os servizos públicos, neste caso o ensino”.

Neste sentido, o portavoz nacional advertiu ademais de que “despois de aplicala durante dous anos e medio non se ve que esta política teña ningún beneficio práctico que mellore as cousas dende o punto de vista social”.

O número un do nacionalismo galego criticou as medidas que se están levando adiante no eido da educación pública e afirmou que “diga o que diga o señor Conselleiro, do que se trata é de diminuir os profesores no sistema público de ensino mentres se sigue apoiando con cartos o ensino privado”.

Finalmente, o portavoz nacional recomendou aos dirixentes do PP que “o que podían facer era dar para atrás nas súas medidas e dedicarse a potenciar o ensino público, algo fundamental en calquer lugar democrático e avanzado”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]