O BNG apoia as mobilizacións en protesta polos recortes no ensino e as medidas regresivas adoptadas pola Xunta

Un momento da manifestación celebrada o pasado 28 de xuño pola ampliación de horario dos profesores

O portavoz nacional acudirá á manifestación convocada mañá en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 8 Setembro 11.- O BNG quer manifestar o seu apoio ás mobilizacións convocadas polas diferentes centrais sindicais en protesta polos recortes e medidas regresivas que vén adoptando o goberno da Xunta neste inicio de curso.

O Bloque Nacionalista Galego apoiará coa presenza do seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez, a manifestación convocada para mañá, venres, ás once e media da mañá, en Santiago de Compostela. O nacionalismo galego respalda tamén as folgas que terán lugar os días 21 e 27 de setembro, unha vez iniciado o curso en todas as etapas do ensino público.

Tal e como vén manifestando o BNG nas últimas semanas, a comunidade educativa e o alumnado merecen outra Consellaría e outra política educativa. O nacionalismo galego rexeita a aplicación unilateral de medidas relativas ao incremento de horario lectivo para o profesorado e de recortes no número de prazas de docentes e nas unidades educativas.

O BNG denuncia a redución progresiva dos orzamentos destinados á educación pública no noso país, o que implica tamén, por certo, a redución nas bolsas e a súa contía, mentres se subvencionan centros ultrarrelixiosos.

Para o BNG é “lamentábel” a ausencia de diálogo entre o Conselleiro Jesús Vázquez e o colectivo de profesores e profesoras que terán que comezar este curso con menos medios e recursos humanos.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]