Guillerme pídelle a González Pons que explique a Feijóo como vai crear emprego porque co PP Galiza está á cabeza do paro

“A chave para criar emprego pasa polo cambio da política económica e aí o PP ofrece continuismo, como acaba de demostrar ao pactar a reforma da Constitución co PSOE”

“Non se criará emprego mentres non se aposte claramente pola economía produtiva, se faga unha reforma fiscal progresiva e se aposte por unha banca pública que garanta o crédito á pequena e mediana empresa”

Santiago de Compostela, 8 Setembro 11. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pediulle hoxe ao portavoz do PP -que onte afirmou que o seu partido aspira a criar 3,5 millóns de postos de traballo na próxima lexislatura- que “lle vaia dicendo a Feijóo como criar emprego, porque desde que o PP goberna a Xunta, Galiza está á cabeza do paro no Estado”.

Con efeito, o incremento do paro no último ano (de Agosto de 2010 a Agosto de 2011) ascendeu en Galiza ao 6,17 por cento, frente ao 4,06 por cento de aumento no promedio estatal.

“Xa sabemos o que o PP dá de si en políticas de emprego. Sabémolo porque o padecemos aquí en Galiza. O PP, coas súas políticas de recortes sistemáticos e de nulo apoio aos sectores produtivos e con decisións como a paralización do concurso eólico, ten convertido a Xunta de Galiza nunha máquina de producir paradas e parado. O PP en Galiza é sinónimo de paro e de emigración da xente máis moza e formada do País. Non son estas credenciais como para vir agora a prometer a criación de millóns de postos de traballo. O PP non ten credibilidade ningunha para falar de políticas de emprego”, afirma o portavoz nacional.

A chave para pór a economía en condicións de voltar a criar emprego pasa polo “cambio radical” das políticas fracasadas seguidas até o de agora tanto polo PSOE no Estado como polo PP na Xunta.

“A chave para criar emprego pasa polo cambio da política económica e aí o PP aposta claramente polo continuismo, como acaba de demostrar ao pactar co PSOE unha reforma da Constitución pensada non para criar emprego, senón para satisfacer os intereses da gran banca”, di Guillerme.

Mais si que hai alternativas, as que defende o BNG. “Para voltar a criar emprego en Galiza, é imprescindíbel apoiar os sectores produtivos -dar solucións, por exemplo, á crise do naval; facer unha reforma fiscal xusta e progresiva; e criar unha banca pública que garanta o crédito á pequena e mediana empresa”, conclúe o portavoz nacional.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]