Guillerme di que a suba da prima de risco demostra que a reforma da Constitución "é unha medida inútil"

Guillerme, Montse Prado, Bieito Lobeira e Rubén Cela durante a concentración

O portavoz nacional descualifica as políticas fracasadas do PP coa motoserra na Xunta, e do PSOE coa rebarbadora na Moncloa

Santiago de Compostela, 6 Setembro 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, manifestou esta mañá na concentración convocada pola CIG o rexeitamento do BNG a unha reforma constitucional, “impulsada polo PP e PSOE nun auténtico pacto de ferro sobre a política económica a seguir”. Alí estivo acompañado pola Secretaria de Organización, Montse Prado, o de Acción Social, Rafa Villar, o deputado Bieito Lobeira e o portavoz municipal en Santiago, Rubén Cela.

Tal e como lembrou o líder nacionalista, o BNG, vén repetindo nos últimos días que estamos ante unha reforma “antidemocrática, antisocial, antigalega e inútil para o que eles din que pretendía resolver”.

A demostración de que isto é así, tal e como explicou Guillerme está en que “os mercados cada vez presionan máis ao Estado español, cantas máis medidas deste tipo toman PP e PSOE, peor van as cousas para os pobos e peor van para as persoas”.

“A política que defenden con motoserra no goberno autonómico ou con rebarbadora no goberno central”, continuou Guillerme, “é unha política fracasada desde o punto de vista dos intereses da maioría e canto antes empezemos a cambiar esa política mellor”.

De aí que o BNG defenda que “é necesario pór en pé unha alternativa política absolutamente diferente que ten que pasar pola democracia, maior capacidade de autogoberno e unha política económica ao servizo do emprego, do traballo, da xente, da produción e non dos banqueiros”.

AUTORÍA DA REFORMA

En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre as declaracións de Mariano Rajoy atribuíndose a autoría da reforma, o portavoz nacional afirmou que “chama a atención que acaben disputándose quen é máis pai deste auténtico desastre. Esa reforma é un desastre para os intereses da maioría, profundiza a crise, non a resolve e nos axeonlla diante dos mercados”.

Neste sentido, Guillerme lamentou que PP e PSOE se disputen “quen é máis pai deste fillo desgraciado”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]