Guillerme cualifica a reforma da Constitución como un "Tejerazo" da gran coalición PP-PSOE

Un momento da intervención de Guillerme

“Défice cero, democracia cero, autogoberno cero. A iso condúcenos a gran coalición PP-PSOE”, afirma o portavoz nacional na concentración na praza do ObradoirO

Santiago de Compostela, 2 Setembro 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, cualificou esta mañá a reforma da Constitución Española que consumaron esta mañá no Congreso dos Deputados “sen fisuras” e coa que están a executar “un auténtico Tejerazo político, un Tejerazo dos mercados” e proclamou que hai alternativa a todo isto e é o BNG.

Tal e como indicou Guillerme, “a gran coalición PP e PSOE eleva a categoría constitucional un dogma da política neoliberal e ilegalizan de facto calquera política económica alternativa favorábel aos intereses do pobo, da maioría social, ou favorábel ás nacións como Galiza”.

"Non queren debate públicoe propoñen a reforma en agsoto, con nocturnidade e alevosía, será porque os referendos cárgaos o demo"Na súa intervención pública na concentración convocada polo BNG esta mañá na praza do Obradoiro, o líder nacionalista cualificou tamén esta reforma de “atropelo democrático, un disparate. É antigalega, antidemocrática, antisocial e ademais, inútil, inconveniente e innecesaria”.

“A reforma que quere impor a grande coalición”, continuou, “imposta á súa vez pola emperatriz Merkel, polo capital, polo BCE, é unha fuxida cara ao abismo. Canto máis ceden ás súas esixencias, máis esixen os especuladores”.

O portavoz nacional asegurou que PP e PSOE “non queren debate público e propoñen a reforma en agosto, con nocturnidade e alevosía, será porque os referendos cárgaos o demo”.

Criticou tamén Guillerme a pretensión da gran coalición de “encorsetar o debate no propio Congreso, limitar que se pode discutir e que non. Un auténtico atropelo”.

“Estamos diante de feitos consumados de extraordinaria gravedade e con consecuencias desastrosas ante os que non é posíbel calar ou permanecer indiferentes”, explicou Guillerme, “as leis dítanas poderes non elexidos por ninguén e o pobo vese reducido ao papel de figurante necesario da gran farsa”.

Con esta reforma, tal e como denunciou Guillerme, “impiden calquera posibilidade de avance cara a autonomiá fiscal, calquera posibilidade de política económica propia. Défice cero, democracia cero, autogoberno cero. É ao que nos conducen PP e PSOE. De disparate en disparate. Por certo, de que reforma estatutaria nos estará a falar agora o PSOE?”, ironizou.

UN DÍA NEGRO PARA A DEMOCRACIA

“Hoxe é un día negro para a democracia”, continuou, mais tamén é un día para a esperanza porque, tal e como enfatizou Guillerme, “hai enerxías sociais dispostas a frear a involución política e social. Hai forzas como o BNG dispostas a enfrentarnos custe o que nos custe á política da gran banca. Porque merece a pena tomar partido”.

As propostas do BNG son claras, tal e como lembrou Guillerme. En primeiro lugar, “reforma da Constitución NON e, xa que logo, debate libre, referendo!”

“Hai instrumentos que podemos e debemos utilizar”, lembrou o portavoz nacional, “como a mobilización social e o voto e as eleccións xerais do 20-N son unha boa ocasión porque hai alternativa e é a que formula o BNG: democracia, autogoberno, soberanía política, cambio radical da política económica”.

“Frente a involución, frente a este golpe de Estado encuberto”, concluíu Guillerme, “rebelión, mobilización”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]