Guillerme di que a reforma da Constitución "dinamita o sistema democrático e converte o autogoberno en papel mollado"

Jorquera ironiza sobre as escusas dadas por Blanco para xustificar por que non se introduce un imposto aos ricos: “Non hai tempo para facelo, pero si para reformar a Constitución
en 15 días”

Santiago de Compostela, 1 Setembro 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou esta mañá en rolda de prensa que a reforma da Constitución Española “dinamita o sistema democrático e converte o autogoberno en papel mollado”.

O líder nacionalista afirmou que, digan o que digan PP e PSOE “é unha nova volta de torca coa que gaña a banca e perde o pobo. É antidemocrática, inaceptábel e reduce a autonomía de futuros gobernos”.

O número un do nacionalismo galego lamentou que os mesmos PP e PSOE “que se negan a calquera cesión de poder político ás nacións do Estado” sexan tan dilixentes para ceder “a soberanía estatal”.

Francisco Jorquera e Guillerme Vázquez na rolda de prensa

Guillerme afirmou que ningún dos dous partidos que impulsan esta reforma teñen argumentos reais para non convocar un referéndum. “No debate do Congreso demostraron a debilidade dos seus argumentos”, afirmou.

O líder do BNG anunciou a convocatoria para mañá, venres, 2 de setembro, dunha concentración na praza do Obradoiro ás doce da mañá, coincidindo co debate no Congreso “para convidar á xente a reflexionar e protestar contra este auténtico atropelo antidemocrático demostrando que si hai alternativa política”.

Neste sentido, Guillerme cualificou de “fracasadas desde o punto de vista da maioría social as políticas que desenvolven PP e PSOE” e lembrou as propostas do BNG como a reforma fiscal, a redución de gasto militar ou unha reforma da Administración que pase pola supresión das Deputacións.

FRANCISCO JORQUERA

Pola súa banda, o portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, presentou o detalle da emenda á totalidade que rexistrou o BNG na Cámara Baixa e que se centra nos artigos 131 e 133 da Constitución.

Tal e como indicou o deputado nacionalista, “decidimos acotar a emenda ao obxecto de debate -a política fiscal- para non desviarmos a atención do esencial e para centrar o debate no rexeitamento do modelo neoliberal que propoñen tanto o PP como o PSOE”.

O portavoz no Congreso advertiu de que, con este proceso desenvolvido por PP e PSOE para reformar a Constitución a través dunha proposición de lei “sentan un precedente”. “Naturalmente reservámonos o dereito a, na próxima lexislatura actuarmos tamén nós na mesma dirección. Proporemos unha reforma da Constitución verdadeiramente democrática e que se traduza na articulación do Estado como un Estado plurinacional”.

Tal e como puntualizou Jorquera, “non propoñemos outra cousa que encher de contido o que xa está na Constitución”. Así, no punto 131 a emenda do BNG propón “reforzar a capacidade de planificación do Estado e as comunidades autónomas e a capacidade de intervención económica do sector público”.

Tamén se recolle na emenda nacionalista a “necesidade de deseñar unha política tributaria xusta e equilibrada para garantir a prestación de servizos públicos”.

Francisco Jorquera criticou duramente a reforma constitucional e afirmou que o BNG “seguirá traballando até o último momento” para conseguir que se convoque un referendo”, ao tempo que amosou a súa “perplexidade” ante as declaracións do vicesecretario xeral do PSOE e portavoz do Goberno, José Blanco, nunha entrevista hoxe mesmo na que afirmaba que non se pode crear un imposto para as grandes fortunas porque non dá tempo. “Dicir isto cando reforman a Constitución en quince días é un insulto para a intelixencia dos cidadáns e unha vergoña”, concluíu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • Texto da emenda (PDF)