Iria Aboi advirte de que Galicia Bilingüe "non vai conseguir calar a Galiza Nova"

Un momento da rolda de prensa de Iria Aboi

A Secretaria Xeral da organización xuvenil informa dunha nova denuncia de Gloria Lago, “estamos ante dous procesos paralelos polo mesmo motivo”

Santiago de Compostela, 31 Agosto 11.- A Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, informou esta mañá en rolda de prensa en Santiago sobre a nova denuncia que Gloria Lago e Galicia Bilingüe veñen de interpor a esta organización xuvenil “exactamente polos mesmos motivos e pola mesma vía que a denuncia interposta hai un ano”.

Trátase dunha denuncia na que se repiten os mesmos argumentos e de novo por un suposto delicto de “deshonra e calumnias”. Os feitos, como recalcou Iria Aboi, son exactamente os mesmos, “a publicación e difusión dun boletín no que se recollían as críticas de profesores e estudantes do IES Santomé sobre o papel como docente e as hostilidades cara a lingua galega de Gloria Lago”.

A Secretaria Xeral de Galiza Nova lembra que aínda está aberta a primeira acción xudicial que deu lugar a un acto de conciliación no que cada parte se mantivo na súa versión dos feitos. Iria Aboi revelou, ademais, que aínda están á espera de recibir a acta en galego dese acto de conciliación, un ano despois de se celebrar.

“Estamos ante dous procesos paralelos polo mesmo motivo, por defender a lingua galega e a liberdade de expresión”, explicou Iria Aboi, ao tempo que enfatizou que “nada do que se recolle no boletín é falso e non teremos medo nin reparo de demostralo diante da xustiza haxa un ou dous xuízos”.

Para Galiza Nova, esta acción da presidenta de Galicia Bilingüe “evidencia a obsesión da señora Gloria Lago contra o galego e fai parte dunha campaña de criminalización contra a nosa organización e contra todos e todas os defensores consecuentes e coherentes da lingua galega”.

A Secretaria Xeral de Galiza Nova denunciou as “profundas incoherencias” de Gloria Lago xa que “apela constantemente á liberdade nas súas manifestacións públicas para xustificar as súas posicións contra o galego e non é quen de aceptar que os demais exerzan esa mesma liberdade”.

CONCENTRACIÓN O MARTES, 6 DE SETEMBRO

Iria Aboi lamentou que “mentres a nós se nos pretende encher de denuncias, este tipo de organizacións intolerantes gocen de amparo e apoio expreso de institucións gobernadas polo PP”.

A responsábel de Galiza Nova fixo un chamamento a participar na concentración que esta organización convoca para o vindeiro martes, 6 de setembro, ás dez da mañá diante do xulgado de primeira instancia número 14 de Vigo, coincidindo co acto de conciliación e baixo o lema “pola liberdade de expresión, polo dereito a falarmos en galego”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]