Guillerme: "Estamos ante unha contrarreforma, un auténtico Trento político"

O BNG congrega a centos de persoas nas sete cidades galegas para amosar na rúa o seu rexeitamento á reforma constitucional

Santiago de Compostela, 30 Agosto 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez afirmou esta tarde na concentración de Santiago de Compostela que o nacionalismo galego con estas concentracións convocadas nas sete cidades galegas “trata de levar á rúa o que expresamos no Parlamento, hoxe mesmo no Congreso, a nosa oposición frontal a esta contrarreforma da Constitución que nos plantexan o PP e o PSOE”.

O líder nacionalista cualificou a remodelación de “contrarreforma porque dende Trento algo parecido non vimos. Estamos ante un auténtico Trento político”, indicou.

“É profundamente antidemocrática”, continuou, “porque por moito que teñan a maioría non poden facer o que están facendo. É antisocial porque está dirixida a empeorar as condicións de vida da xente”, afirmou Guillerme, “é unha reforma na que a banca gaña e o pobo perde”.

Tamén cualificou a reforma o líder do BNG de “antigalega porque atenta directamente á liña de flotación das nosas competencias estatutarias”.

Mais, ademais de todo isto, tal e como apuntou Guillerme, “é unha reforma inútil porque os mercados non se calmarán e os especuladores seguirán facendo o que queren coa débeda dos estados”.

Xa que logo, o portavoz nacional amosou a oposición “frontal nos parlamentos e na rúa a este auténtico disparate promovido por PP e PSOE que demostran que comparten a mesma política económica e social e iso en democracia non é nada que haxa que celebrar”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]