Guillerme chama a participar nas concentracións contra a reforma da Constitución "antidemocrática, antisocial, antigalega e inútil"

O BNG levará ao Parlamento iniciativas para debater na Galiza este proceso que agudizará a política de recortes sociais

Santiago de Compostela, 29 Agosto 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión co grupo parlamentar nacionalista na cámara galega para preparar o curso político que comeza e no que, tal e como indicou o número un do nacionalismo galego, “o BNG vaise visualizar como alternativa ás políticas do PP en Galiza e tamén aos fíos que moven a política no Estado”.

O número un do BNG afirmou esta mañá en rolda de prensa que a proposta de reforma da Constitución que se materializa esta semana no Congreso dos Deputados é “antidemocrática, antisocial, antigalega e inútil” e animou aos galegos e galegas a sumarse ás concentracións convocadas polo BNG mañá, martes, ás oito e medida da tarde, nas sete cidades galegas en protesta por esta medida e en demanda dun referendo.

O líder nacionalista indicou que o problema fundamental de Galiza é “o défice de autogoberno que se vai ver limitado aínda máis con esta reforma”, ao tempo que subliñou que o BNG vai “defender outra política económica absolutamente diferente da que levan adiante o goberno central e galego”.

Sobre o executivo galego, o portavoz nacional dixo que “demostra tanta incompetencia como impotencia e pretende non estar, non aparecer como responsábel de tomar medidas para solucionar os problemas dos galegos e galegas”.

Guillerme Vázquez dixo que con esta reforma “máis alá de cuestións puntuais, PP e PSOE demostran que comparten as cuestións de fondo, os seus principios fundamentais”.

Entre as consecuencias que terá esta medida, o portavoz nacional indicou que “volve limitar a capacidade real de autogoberno de Galiza ao limitar a capacidade de gasto das comunidades autónomas”.

O líder do BNG afirmou de xeito rotundo que a reforma constitucional para limitar a débeda pública é inútil porque “vai dirixida exclusivamente a calmar aos especuladores” e advertiu de que “o défice cero é autonomía cero” e acusou ao goberno estatal de actuar “a calzón quitado frente aos poderes da dereita”.

ACTUACIÓNS PARLAMENTARES


Por outra parte, o portavoz do G.P do BNG, Carlos Aymerich, anunciou que en canto comece o período de sesións presentarán unha iniciativa na Cámara para que o goberno do PP dea contas do impacto que a reforma “exprés” da Constitución vai ter en Galiza e abrir o debate sobre as súas consecuencias tanto democráticas como económicas para os galegos e galegas.

Aymerich advertiu de que a dita reforma, consensuada polo PSOE e o PP no Estado, vai significar a desaparición da autonomía financieira de Galiza, pois vai someter os seus orzamentos ao Estado e vai agudizar a política xa iniciada por Feijóo de recortes, privatización de servizos públicos e novas restriccións.

Neste sentido, o portavoz parlamentar explicou que comeza un período de sesións marcado pola campaña electoral,durante o que só unha única forza política pode dicir que defende o mesmo en Galiza que no Congreso e o Senado: o BNG, fronte a un goberno do PP que anuncia orzamentos aínda máis restrictivos e a un PSOE que vai da man dos populares en asuntos tan fundamentais como as contratacións laborais, non gravar as grandes fortunas, manter as Deputacións e esa reforma da Constitución.

Para Aymerich, o consenso que reclamaba o portavoz do Partido Popular hai uns días, para desenvolver este período de sesións á marxe da contenda electoral e poder aprobar distintas leis “do PP”, ironizou, terá que buscalo co PSOE, “pois hai campo dabondo para iso”, como se ten demostrado, reiterou.

Sobre as declaracións aparecidas hoxe nun medio de comunicación do voceiro do grupo do PP, Pedro Puy, nas que afirmaba que “Galiza sairá antes da crise porque aplicou antes os recortes”, Aymerich dixo que esa afirmación debe ser unha “cuestión de fe”, pois os galegos o que están experiementando antes, precisamente, son as consecuencias deses recortes e dunha politica fiscal regresiva e inxusta.

CAMBIOS GRUPO PARLAMENTAR

Os dous voceiros do BNG informaron tamén dos cambios que se van dar no Grupo Parlamentar nacionalista logo da renuncia de Anxo Quintana á súa acta de deputado e de membro da Mesa.

En canto ao posto para a Vicesecretaría Segunda da Mesa, o BNG proporá á deputada Carme Adán e o deputado que entrará en sustitución de Quintana, ao correrse a lista pola Coruña, será Fernando Branco Parga, que xa foi parlamentar durante a lexislatura pasada.

O BNG agarda que no primeiro pleno deste período se consumen ditos cambios.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • Audio da rolda de prensa