Guillerme acusa a Feijóo de "volver incumprir as súas promesas electorais" cunha suba de impostos

Santiago de Compostela, 24 Agosto 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e o portavoz de Economía, Fernando Blanco, explicaron esta mañá en rolda de prensa as iniciativas que está a levar adiante o BNG para pedir a retirada da orde que aprobou a Xunta este mes de agosto e que eleva o valor de bens inmobles nun 30%.

O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, botou en cara ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que incumpre unha vez máis os “14 mandamentos cos que se presentou ás eleccións e nos que se comprometía a non subir impostos. Volve incumprir as súas promesas electorais”.

Isto é así porque, tal e como explicou o deputado nacionalista Fernando Blanco, esta suba afectará directamente ao imposto de bens patrimoniais que gravan a transferencia de inmobles e nos que se poden chegar a producir subas de até o 65%.

O portavoz nacional cualificou esta decisión de “inxusta e totalmente fóra de lugar en plena crise” e indicou que “afecta indiscriminadamente á poboación galega. Unha vez máis, incrementan os impostos ás rendas medias e baixas”.

En vista desta situación, o BNG, segundo explicou o seu portavoz nacional, “dará o debate público” e subliñou que os nacionalistas galegos reclamarán a retirada desta orde e levarán tamén o debate aos concellos a través dunha moción.

O portavoz de Economía, Fernando Blanco, subliñou, pola súa banda que esta medida “non é razoábel, tendo en conta que no primeiro trimestre deste ano o prezo da vivenda baixou un 3% e levamos tres anos nos que o prezo da vivenda está a baixar”.

Visto este feito, o deputado nacionalista subliñou que isto demostra que esta medida “só ten un obxectivo: o de recadar a calquer prezo e de calquer xeito. O PP chegou ao poder anunciando unha rebaixa do IRPF para máis de 500.000 galegos e galegas e a súa política fiscal estase traducindo en tratar aos desiguais igual, cargando sobre os cidadáns á marxe da súa capacidade económica”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]