O BNG homenaxea a Alexandre Bóveda no 75 cabodano do seu asasinato

Actos políticos, institucionais e sociais conmemoran a figura de Alexandre Bóveda e dos caídos no Día da Galiza Mártir

Santiago de Compostela, 17 Agosto 11.- O BNG celebrou o 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, diferentes actos de homenaxe á figura de Alexandre Bóveda, no 75 cabodano do seu asasinato. Pontevedra e Poio foron os escenarios dos actos institucional, social e político nos que participaron representantes do BNG.

Pola mañá, o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, asistiu á homenaxe inctitucional organizada polo concello de Poio e na que interviu o alcalde, Luciano Sobral, ante o monumento homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira. Alí, en resposta ás perguntas dos medios de comunicación, o líder nacionalista indicou que Bóveda "foi unha persoa que tivo unha coherencia no pensamento, un patriota galego. O seu amor por Galiza levouno a entregar a súa propia vida", afirmou, "estando aquí facemos que Bóveda non morra. Vivirá por moito que algúns o queiran enterrar baixo sete lousas".

Xa pola tarde, o portavoz nacional tamén asistiu ao acto político que celebrou o BNG na praza de Curros Enríquez e no que interviu a deputada no Congreso Olaia Fernández Davila. Tanto ela como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, insistiron na necesidade de termos "un mundo máis xusto e unha Galiza máis desenvolvida e igualitaria".

Fenández Davila puxo como exemplo do traballo do nacionalismo galego na historia a fundación do partido galeguista no ano 1931, os acordos entre Casares Quiroga, Castelao e Otero Pedraio que fixeron posíbel "a unidade que lles permitira afrontar un papel sobranceiro" e a época dos 60 "cando os nacionalistas recuperamos aquela doctrina que na longa noite de pedra quedara escurecida e no ano 1982 conseguimos a unidade que esixía o país".

A deputada instou aos cidadáns e cidadás a apoiar o nacionalismo o 20-N nunhas eleccións nas que se pode conseguir "máis voz nas institucións do Estado".

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]