O BNG pide nos concellos que se limiten as comisións bancarias para evitar "cobros abusivos"

Imaxe dunhas das concenrtacións convovadas polo BNG este ano en defensa do aforro galego

Os grupos municipais do BNG están a presentar mocións nos concellos galegos para “obrigar ás entidades bancarias a ofrecer de forma transparente as comisións que cobran por distintos servizos”

Santiago de Compostela, 15 Agosto 11.- Os diferentes grupos municipais do BNG están a presentar nos diferentes concellos do País unha moción na que se solicita instar á Xunta para que se limiten as comisións bancarias e se poña fin aos “cobros abusivos” que se producen na actualidade.

Nun primeiro termo, o BNG solicita ao goberno galego que, á súa vez, inste ao do Estado a impedir que “nesta situación de crise se produzan aumentos nas comisións que cobran as entidades financeiras”.

Por outra banda, para o BNG, segundo figura na moción, é necesario realizar “unha supervisión das comisións bancarias estabelecendo límites máximos en función de parámetros obxectivos que teñan en conta o custe real dos servizos prestados”.

Tamén sería necesario obrigar nesta situación ás entidades bancarias a que “ofrezan de forma transparente as comisións que cobran polos distintos servizos prestados”.

Finalmente, sería necesario aprobar de forma inmediata as normas legais precisas para “evitar que por parte das entidades financeiras se manteña o cobro abusivo en concepto de mantemento ou administración de contas correntes ou de aforro e obrigar á devolución das cantidades ingresadas en canto de persistir esta práctica”.

Tal e como se lembra na exposición de motivos desta moción, nesta época de crise económica, as comisións bancarias experimentaron unha forte subida, ao mesmo tempo que as entidades bancarias seguen acumulando beneficios que só no primeiro trimestre deste ano ascenderon a 3.174 millóns de euros.

“A aplicación de cláusulas abusivas e inxustas por parte das entidades financeiras non pode ser consentida de forma indefinida”, subliña o BNG, xa que “a afectación e as consecuencias negativas que poden sufrir millóns de persoas confire un interese público e social a estes feitos e obriga ás autoridades competentes (Xunta e Estado) a adoptar medidas urxentes”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]

Arquivos para descargar


  • moción rexistrada