O BNG urxe á Comisión Europea unha solución para o naval galego ante a paralización do "tax lease"

Ana Miranda lembra á UE que a suspensión deste sistema de financiamento está a ter graves consecuencias na economía galega

Santiago de Compostela, 5 Agosto 11.- A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, rexistrou en datas pasadas unha iniciativa na que reclama unha solución ante os graves problemas que acosan ao naval galego pola paralización do coñecido como tax lease, contrato de arrendamento financieiro co que se abonan os custes das embarcacións.

Tal e como apunta a nacionalista, o sector naval galego “atópase nunha difícil situación de viabilidade económica, feito polo que xa sairon á rúa e se mobilizaron reclamando unha solución no pasado mes de xullo”.

Miranda lembra que a Comisión Europea “debería apostar polo naval galego, por ser un sector de grande excelencia tecnolóxica, alta cualificación na man de obra e capacidade competitiva” e, pola contra, a decisión adoptada polo órgao europeo está a perxudicar gravemente á economía galega.

Tal e como lembra o BNG, a Comisión Europea comunicou ao Estado español a 30 de xuño a incoación dun procedemento de investigación formal do sistema de réxime fiscal aplicado a determinados contratos de arrendamento financeiro.

Ao abeiro desta decisión, paralizouse o coñecido como “tax lease”, provocando “unha repercusión directa na actividade de diversos sectores da industria naval e afectando profundamente ao emprego neste sector, xa suficientemente castigado”.

Para rematar con esta situación, o BNG pede á Comisión Europea que dea a coñecer cando se resolverá o proceso aberto, en que fase se atopa e que documentación ten aportado xa o Estado español.

Ana Miranda quer que se aclare tamén as causas que levaron á Comisión a iniciar esta investigación despois de revisar documentación do sistema de arrendamento fiscal.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]