"Hai que rachar o círculo vicioso de responder aos especuladores con máis recortes sociais", asegura Jorquera

Francisco Jorquera

Santiago de Compostela, 3 agosto 2011.- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, insiste na necesidade de regular os mercados financeiros “para rachar o círculo vicioso de cada vez que se produce un ataque especulativo contra a débeda española responder con máis recortes sociais” para calmar aos mercados.

Francisco Jorquera recibiu esta mañá a chamada do presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, quen o informou sobre a crise da débeda española e o aumento da prima de risco.

“É imprescindíbel atacar dunha vez aos especuladores”

O deputado nacionalista lembra que esta crise “orixinouse hai 4 anos pola falta de regulación dos mercados financeiros e polo feito de que estes mercados estivesen centrados en actividades especulativas.

Porén, o deputado do BNG denuncia que “pasados 4 anos seguimos sendo vítimas do mesmo porque non se adoptar medidas para atallar a especulación financeira e vémonos, unha vez máis, sometidos á chantaxe dos especuladores financeiros, que esixen, de forma insaciábel, máis e máis recortes sociais”.

O BNG defende que se emitan eurobonos e un papel activo do BCE na compra de débeda

Ademais, Francisco Jorquera considera que a crise da débeda española “releva a falta dunha estratexia acertada da Unión Europea”.

Neste sentido, critica que “os mecanismos aprobados na última reunión do Eurogrupo son enormemente lentos e complexos para a súa posta en práctica e a proba é que despois das expectativas positivas que se levantaron despois desa reunión, agora volvemos estar na mesma situación”.

Para resolver esta situación, xunto ao regulamento dos mercados financeiros, o portavoz do BNG no Congreso defende “unha revisión do papel do Banco Central Europeo, para que estea realmente ao serivzo dos gobernos”.

En concreto, Jorquera subliña que “o BNG demanda dende o comezo da crise que o BCE teña un papel máis activo na compra de débeda e que se emitan eurobonos para neutralizar estes ataques especulativos”.

“É imprescindíbel atacar dunha vez a causa principal desta crise, a falta de regulación dos mercados financeiros, porque senón seguiremos sometidos á chantaxe dos especuladores e seguiremos padecendo o círculo vicioso dos gobernos de responder aos ataques especulativos con máis recortes sociais”, conclúe o deputado do BNG.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]