Ante o adianto das eleccións xerais Guillerme afirma que "só o BNG garante que Galiza estea presente nas Cortes"

Santiago de Compostela, 30 xullo 2011.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, subliña que ante o adianto das eleccións xerais “só a presenza do BNG no Congreso e no Senado garante que se debatan os problemas dos galegos e das galegas e que se defendan os intereses da maioría social”.

Guillerme fixo estas declaracións esta mañá na rolda de prensa posterior á reunión da Executiva Nacional do BNG, na que se abordou o adianto das eleccións xerais para o 20 de novembro.

“Nada resolverá o adianto das eleccións se se segue optando por PP e PSOE”

O Consello Nacional do BNG decidirá o 27 de agosto se adía ou non a Asemblea Nacional prevista para os días 22 e 23 de outubroNeste sentido, amosouse convencido de que “nada resolverán as eleccións se segue optando polas mesmas políticas, polo PP ou polo PSOE”.

E é que, segundo salientou Guillerme, “a solución dos problemas terá que vir da aposta por forzas políticas alternativas”. “E no caso de Galiza -engadiu- pola aposta polo BNG que, dende logo, iremos ao Congreso e ao Senado a seguir facendo unha política de defensa dos intereses xerais de Galiza”.

“Soamente a presenza do BNG nas Cortes garante que se dean debates arredor dos problemas dos galegos e galegas, e aos feitos me remito, e tamén para defender un cambio nas medidas contra a crise económica”, subliñou o portavoz nacional.

Reunión do Consello Nacional o 27 de agosto para decidir se se adía ou non a Asemblea Nacional

Ademais, a Executiva Nacional do BNG acordou celebrar o día 27 de agosto unha reunión do Consello Nacional do BNG para que sexa o máximo órgano de representación do BNG entre asembleas o que decida, tendo en conta a convocatoria de eleccións xerais anticipadas, se se adía ou non a Asemblea Nacional do BNG inicialmente prevista para os días 22 e 23 de outubro.

“É o Consello Nacional a quen lle corresponde democraticamente tomar a decisión que crea oportuna”, subliñou Guillerme.

De todos xeitos, o portavoz nacional asegurou que “dende este mesmo momento poñeremos todo o noso esforzo a lograr o mellor resultado para o BNG nestas eleccións xerais e para conseguir a mellor representación para que Galiza segue estando presente no debate estatal e para impulsar un cambio nas políticas económicas, que son desastrosas para o noso país e para a maioría social”.

“A solución aos problemas non virá da aposta por máis do mesmo”

A este respeito, Guillerme insistiu en que “a solución aos problemas non virá da aposta por máis do mesmo”.

Pola contra, salientou que “o BNG está convencido de que a solución á política de dereitas que practicou o goberno do PSOE nos últimos anos non se vai resolver apostando por máis dereita, pola dereita do PP, que por moito que se volva disfrazar de centro dialogante non deixa de ser a dereita pura e dura”.

“A solución -resaltou- virá por apostar por forzas políticas que como o BNG, si defenden os intereses da maioría social, que defenden medidas alternativas para saír da crise e que si defendemos os intereses dos galegos e das galegas no Estado”.

Inquérito do CIS: “Está cociñado adecuadamente”

Por último, e a preguntas dos xornalistas, o portavoz nacional do BNG asegurou que o último inquérito do CIS “se cociñou adecuadamente' a favor dun efeito que eu me coñezo”

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]