Guillerme: "A política antiincendios da Xunta é manifestamente mellorábel"

Santiago de Compostela, 7 Xullo 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu este mañá de que “a política de loita contra os incendios do goberno da Xunta é manifestamente mellorábel e deber mellorar”.

Guillerme compareceu esta mañá en rolda de prensa xunto á portavoz de Medio Rural do BNG no Parlamento Galego, Tereixa Paz, para facer unha avaliación das medidas tomadas polo Goberno de Feijoo para loitar contra os lumes forestais, unha lacra que xa leva calcinadas centos de hectáreas no que vai de temporada.

“O Goberno da Xunta elude as súas responsabilidades”

O portavoz nacional empezou recalcando que “o BNG non vai facer dos incendios un arma de debate político fácil contra o goberno da Xunta”. “Nós nunca actuaremos como Feijoo cando estaba na oposición combatendo incendios cunha mangueiriña”, subliñou.

Porén, Guillerme non puido menos que criticar a actuación fronte a este problema “, na que o goberno do PP na Xunta elude as súas responsabilidades, combinándoa cunha clara falta de transparencia e de información sobre o que está a acontecer nos nosos montes” e a superficie queimada.

Recoñeceu que “é certo que hai causas de fondo do lume en Galiza e unha delas é o abandono do medio rural, do aproveitamento do monte, un problema ao que non lle intenta por remedio o actual goberno da Xunta, como tamén segue apoiando unha política forestal suicida como é plantación de especies de crecemento rápido para pasta de papel”

“Hai unha escaseza absoluta de medios humanos para combater o lume”

Deixando de lado estas medidas de fondo, Guillerme advertiu de que o Goberno de Feijoo tamén está a fallar nas medidas concretas para combater os lumes, “como por exemplo as tarefas de prevención, que están claramente abandonadas”, ou as labores de extinción, onde lembrou “que está habendo denuncias reiteradas por parte de particulares e mesmo por institucións do Estado que poñen de manifesto que hai unha escaseza absoluta de medios humanos para combater o lume”.

Necesidade de que a Policía Autonómica asuma en exclusiva a investigación

O portavoz nacional do BNG tamén se referiu á investigación dos lumes e detención dos responsábeis.

Neste sentido, avogou porque “deixando a un lado os esforzos que estean facendo as forzas e corpos de seguridade do Estado, Policía Autonómica ...etc, si que hai que poñer enriba da mesa a necesidade evidente de contar cunha policía autonómica integral, de verdade, con medios efectivos e que unificase as tarefas de investigación”.

“É unha medida -subliñou- necesaria que o actual goberno da Xunta non aborda e que sería un modo de afrontar o problema de xeito moito máis racional que espallar as competencias de investigación entre distintos corpos policiais”.

Igualmente, propuxo abordar a posibilidade de incrementar as penas para os incendiarios.

“Unha actuación da Xunta manifestamente mellorábel”

Por todo o anterior, Guillerme non dubidou en afirmar que “para o BNG a actuación do Goberno da Xunta en materia de loita contra os incendios forestais é manifestamente mellorábel e debe ser mellorada”. “Que o Goberno da Xunta -advertiu- non siga a estratexia de Feijoo de non dar a cara e eludir as súas responsabilidades”.

Guillerme subliñou que “con esta denuncia o BNG non aspira a pasar a navalla barbeira ao actual goberno da Xunta para culpalo das hectáreas que se queimaron, senón que queremos evitar que ao final da campaña miles de hectáreas dos nosos montes estean calcinadas pola ineficacia do goberno da Xunta”.

Aluguer por 1 millón de euros durante 6 meses de vehículos que só se utilizarán 2 meses

Pola súa parte, Tereixa Paz incidiu en que “esta errática política da Xunta de Galiza o único que merece é unha inmediata rectificación”.

A portavoz de Medio Rural do BNG na Cámara Galega puxo como exemplo que “até o día 25 de xullo non vai estar completo o operativo, segundo dados da propia Consellaría e a día 7 de xullo o dispositivo de extinción non chega ao 50% dos efectivos, xa que o resto aínda non foi contratado”.

Ademais, denunciou que “só se van contratar as brigadas durante dous meses e ao mesmo tempo houbo un concurso en marzo da Consellaría para contratar 60 vehículos para a empresa pública SEAGA durante 6 meses cando non se contratou ningunha brigada de SEAGA durante 6 meses; ou tamén se contrataron 310 vehículos durante 3 meses cando só van estar operativas as brigadas 2 meses e 10 días”.

“Gustaríanos saber que o señor Feijoo, que se proclama como Alberto I O Austero se considera austeridade gastar máis de 1 millón de euros para aluguer de vehículos durante 6 meses cando se van utilizar soamente durante 2 meses e unha semana”, preguntouse a deputada nacionalista.

Iniciativas do BNG no Parlamento Galego.

Igualmente, Tereixa Paz denunciou que “a Xunta de Galiza non está a cumprir con aquelo que aproba: a Lei de Prevención de Incendios nen o PLADIGA, que aprobaron hai menos dun mes.

Ante esta situación, a deputada considerou imprescindíbel dúas medidas que o BNG proporá na Cámara do Hórreo: “Que Feijoo compareza no Parlamento nos próximos días para informar sobre a política forestal e loita contra os incendios ou, no seu caso, dirixir ao Parlamento Galego unha comunicación da Xunta de Galiza para que os grupos parlamentares poidamos facer achegas para mellorar esa política”.

Roubo do Códice Calixtino

Por outra parte, a preguntas dos xornalistas sobre o roubo do Códice Calixtino, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou que “en primeiro lugar lamentamos profundamente ese roubo, e en segundo lugar, haberá que desexar que se poida recuperar canto antes ese códice, e esperemos que as actuacións policiais o fagan posíbel”.

Porén, considerou “sorprendente que, segundo a información publicada, non soamente nin sequera se presentou denuncia da policía e tampouco se ofreceu ningunha explicación pública até o momento”.

Por último, Guillerme considerou que “tamén que teríamos que reflexionar sobre a custodia dun documento deste valor debe estar en mans dunha institución como a igrexa católica ou debería estar gardado por institucións públicas”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]