Guillerme: "Para acabar co paro hai que rematar coas políticas do Goberno Central e da Xunta"

Cabeceira do BNG na manifestación

Santiago de Compostela, 3 Xullo 2011.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou hoxe en Santiago que “o paro e a emigración en Galiza non son unha maldición bíblica, son consecuencia das políticas que practican tanto o Goberno da Xunta como o Goberno Central”. “Por iso -subliñou- para empezar a saír da crise e acabar co paro, hai que rematar primeiro coas políticas que practican estes dous gobernos”.

Guillerme participou esta mañá en Santiago de Compostela na manifestación da Marcha Galega polo Emprego organizada pola CIG. Canda el estiveron os membros da Executiva Nacional do BNG, así como deputados e demais representantes institucionais e orgánicos do BNG.

Centos de persoas participaron na marcha

O portavoz nacional do BNG alertou de que “as consecuencias sociais da crise económica que padecemos son cada día peores para a maioría social e o paro é unha expresión desas dificultades e dos problemas que ten a nosa sociedade”.

“Os gobernos Central e da Xunta están levando a Galiza a unha situación de emerxencia nacional”

Neste sentido, afirmou que “para o BNG é evidente que a acción combinada de dous gobernos, o Central e o da Xunta, están levando a Galiza a unha situación de emerxencia nacional”. Así, denunciou que “é unha evidencia que o paro aumenta no noso país, a emigración de miles de mozos segue a producirse e aínda por riba perdemos poboación”.

Ante esta situación, Guillerme considera que “despois de dous anos de crise económica é hora de volver dicir que é necesaria unha alternativa diferente para poder empezar a saír desta crise económica”.

En concreto, demandou “máis democracia, máis autogoberno para Galiza para poder tomar decisións no campo económico e dende logo é imprescindíbel un cambio radical nesta política económica que mandan facer a gran banca, as grandes corporacións e a propia Unión Europea e que tanto os gobernos Central como o da Xunta aceitan como algo inevitábel”.

“O paro -concluíu- para o BNG non é unha maldición bíblica, é unha consecuencia destas políticas e para acabar co paro é necesario acabar coas políticas que practican tanto o goberno Central como o da Xunta”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]