No debate sobre a negociación colectiva, o BNG defende que os convenios autonómicos prevalezan sobre os estatais

A reforma da negociación colectiva que defende o goberno “aumenta a indefensión de traballadores e traballadoras frente á patronal”, afirma Guillerme

Santiago de Compostela, 20 Xuño 11.- O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Congreso dos Deputados a necesidade de que os convenios colectivos autonómicos prevalezan sobre os estatais. Ésta é a principal liña vermella que marca o BNG no debate sobre a negociación colectiva.

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu de que a reforma da negociación colectiva proposta polo goberno e que cualificou de contrarreforma “está dirixida a restar capacidade de decisión aos traballadores e traballadoras á hora de negociar e defender os seus dereitos laborais”.

Estamos ante unha reforma que “aumenta a indefensión de traballadores e traballadoras frente á patronal”, explicou o líder nacionalista.

“O goberno segue equivocándose, insiste en contrarreformar e acabar co estado de benestar, dereitos laborais e sociais cando o que terían que facer sería unha reforma do sistema financeiro e unha reforma fiscal, unha política económica a favor das persoas”, concluíu Guillerme.

Reforma negativa

A portavoz do BNG en materia de Emprego no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, afirmou hoxe en rolda de prensa que a avaliación do Real Decreto que fai o nacionalismo galego é “negativa, xa en primeiro termo, por responder a unha necesidade lexislativa a golpe de decreto”.

A deputada nacionalista aludiu á necesidade de “debater estes temas con calma e reflexión” e, pola contra, criticou que “con esta urxencia, o goberno volve demostrar a súa dilixencia na supeditación aos poderes económicos, á ditadura do mercado”.

“O Real Decreto afasta a negociación colectiva das partes sindicais e incide nunha centralización que xa iniciara en 1995 e pretende facilitar que as empresas se poidan desvincular dos convenios provinciais e autonómicos”, afirmou Olaia Fernández.

A deputada nacionalista condicionou o eventual apoio do BNG á proposta formulada polo goberno, un Real Decreto que será tramitado como proxecto de lei, a que non sexa o ámbito de negociación no seo da empresa o que prevaleza.

Nese sentido, o BNG vai propor vincular a eficacia dos convenios de empresa a que teñan o aval dos representantes das centrais sindicais que asinasen os convenios provinciais, estatais ou autonómicos. “A nosa alternativa consiste en que a reforma da negociación colectiva recolla que os convenios autonómicos deben prevalecer sobre os do Estado, xusto o contrario do que na súa formulación actual indica o Real Decreto”, concluíu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]