Guillerme: "A conversión da caixa en banco é un atraco legal e moi negativa para Galiza"
Santiago de Compostela, 18 xuño 2011.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, cualificou esta mañá de “atraco legal” a transformación da caixa de aforros galega nun banco e denunciou que “os responsábeis deste atraco son os directivos das caixas, o PP e o PSOE”.
Guillerme ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para ofrecer a valoración do BNG da decisión do Consello de Administración de Novacaixagalicia de transformala nun banco, unha decisión que non dubidou en cualificar como “unha das máis negativas para Galiza dos últimos anos”.
“Un atraco legal”
“É a crónica dun novo retroceso para Galiza e que ten responsábeis responsábeis: os directivos da caixa, algúns deles máis preocupados por blindar o seu futuro que por servir aos intereses de Galiza”, denunciou.
Guillerme tamén puxo de manifesto que “este atraco legal conta con responsábeis políticos: PP e PSOE, urdidores das reformas legais para obrigar as caixas a transformarse en bancos, reformas ao servizo dos intereses da gran banca española e do FMI”.
“Feijoo pasará á historia como o presidente que contribuíu á desaparición da caixa galega”
Pero ademais, o portavoz nacional do BNG tamén acusou a Núñez Feijoo: “É fracaso político de señor presidente da Xunta, de Núñez Feijoo, que bágoa arriba, bágoa abaixo, pasará á historia como o presidente que contribuíu á desaparición da caixa galega”, afirmou.
“Un presidente -engadiu- que, como foi notorio en todo o proceso, e nós o advertimos e o denunciamos no seu momento, foi incapaz de liderar a defensa da caixa e dos intereses galegos”.
“É unha quimera que o centro de decisión vai estar en Galiza”
Xa nas repercusións concretas da transformación da caixa galega nun banco, o portavoz nacional do BNG advertiu de que “a partires de aquí o de que o centro de decisión do banco vaia estar en Galiza é mera quimera, máis alá do domicilio particular dalgún directivo”.
En segundo lugar, asegurou que “a obra social desaparecerá, entendida como até o de agora e pasará a ser unha obra social semellante á de calquera banco”.
Ademais, advertiu de que “pretender que unha entidade convertida en banco sirva á economía galega é falso, porque un banco actuará como calquera outro na busca de beneficios e, polo tanto, investindo alí onde pense que os conseguirá”.
Neste sentido, Guillerme subliñou que “que nun futuro acabe en mans doutro banco foráneo, non é para nada descartábel”.
Peores servizos para as pequenas poboacións e problemas para os traballadores e traballadoras
En cuarto lugar, amosouse convencido de que “a transformación da caixa en banco prexudicará a prestación de servizos, especialmente nas poboacións máis pequenas.” Igualmente, advertiu de que “tamén traerá problemas de emprego para os traballadores e traballadoras da caixa”.
“Os galegos e galegas non nos merecemos a burla política de Feijoo”
Por último, o portavoz nacional do BNG asegurou que “os galegos e galegas non nos merecemos a burla política de que ao mesmo tempo que o Tribunal Constitucional acepta o recurso de inconstitucionalidade presenta do pola Xunta -tarde, mal e arrastro- contra o Decreto de Bancarización das Caixas do Goberno Central, ao mesmo tempo o presidente da Xunta estea aplaudindo e avalando a conversión da caixa nun banco”. “Isto é unha burla política aos galegos e galegas”, afirmou.
Guillerme concluíu poñendo de manifesto que “o BNG tivo unha posición coherente na defensa da caixa: advertimos do que ía suceder se se ía polo vieiro que se trazou por parte do presidente da Xunta co apoio do PSOE; dixemos no seu momento que Galiza estaba nunha situación de emerxencia nacional, e a decisión de converter a caixa nun banco non fai máis que avalar e confirmar as teses do BNG”.
“Ante isto hai que reaxir, pero iso é unha decisión colectiva de todos os galegos e galegas”, asegurou.