O pacto PP-PSOE gubernamentaliza aínda máis a CRTVG e non garante a normalización do galego

“Unha cousa é o consenso e outra o trágala. Non imos ser cómplices das reformas dos demais”, di Guillerme

Santiago de Compostela, 14 Xuño 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou hoxe en rolda de prensa que o nacionalismo galego non pode avalar o pacto PP-PSOE para reformar a lei da Compañía da Radio e Televisión Galega cando o acordo entre as forzas de ámbito estatal reforza a gubernamentalización do ente e non afonda na normalización do galego.

A cuestión básica deste proceso, tal e como lembrou Guillerme, é “para que se fai esta reforma? E nese sentido contestouse: “No BNG apostamos por unha compañía de carácter público, medios públicos veraces, plurais, enraizados no noso país, con control parlamentario, pero non con control gubernamental”.

Guillerme advertiu de que “se a TVG e a Radio Galega deixan de cumprir a súa función singular -a defensa da identidade, a cultura e a lingua de Galiza, as razóns polas que foi criada en 1985-, aparecerá o debate da súa privatización”.

O BNG aposta por uns medios públicos ao servizo da sociedade galega, do proceso de normalización da lingua, por unha desgubernamentalización real do ente público e por un funcionamento máis democráticoO portavoz nacional amosou a súa sorpresa pola “presión que existe para sumar o BNG ao consenso entre PP e PSOE” e afirmou que “resulta inaceptábel que se negue o dereito que ten o BNG a formular as súas propias propostas. Unha cousa é o consenso e outra é o trágala. Nós estamos dispostos a ensaiar vías para acadar o consenso, pero non imos aceptar un trágala nin ser cómplices das reformas dos demais”.

O líder nacionalista advertiu de que “se non é monolingüe en galego, a CRTVG non ten sentido”.

PROPOSTAS DO BNG

A viceportavoz parlamentar, Ana Pontón, lembrou que o BNG xa presentou unha proposición para reformar a lei da CRTVG, “unha proposta que aposta por uns medios públicos ao servizo da sociedade galega, do proceso de normalización da lingua, por unha desgubernamentalización real do ente público e por un funcionamento máis democrático”.

Nese sentido, tal e como apuntou a deputada nacionalista, o texto que teñen posto enriba da mesa o PP e o PSOE “non garante estes mínimos que nós reflectimos e polo tanto non imos ser cómplices cunha posición que non cumpre as espectativas que nós temos do papel que debe cumprir a Compañía da Radio Televisión de Galiza”.

En definitiva, a viceportavoz do BNG lamentou que “non hai síntomas reais de intencionalidade política por que se produzan cambios da CRTVG e sobre o papel que deben cumprir a radio e televisión públicas no país”.

Tamén confirmou o BNG os temores sobre o papel que PP e PSOE queren darlle nesta reforma ao uso do galego xa que no texto da ponencia “hai un intento de camuflaxe da posición que expresaron socialistas e populares de que non vían con malos ollos que a CRTVG non ten que ter como lingua exclusiva a lingua galega”.

“Alármanos que non se faga referencia algunha no texto da lei ao papel que debe cumprir a CRTVG no proceso de normalización da lingua galega”, advertiu Ana Pontón.

Para alén diso, a través da fórmula do “contrato programa”, o novo texto reforza o control da programación e dos seus contidos dando á Xunta de Galiza “unha maior capacidade de intervención directa nestes aspectos”.

Ademais, outórgase un poder ilimitado ao director xeral do ente e desaparece o consello asesor, ao tempo que se adía a creación do consello galego do audiovisual.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]