Ana Miranda denuncia en Bruxelas os atrasos da Xunta no pago das axudas agrarias

Ana Miranda

Bruxelas, 9 xuño 2011. A voceira do BNG en Bruxelas e futura eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, denuncia no Parlamento Europeo que o Goberno do PP na Xunta está a atrasar o pagamento aos agricultores e agricultoras galegas das axudas europeas ao agro.

En concreto, a representante do BNG advirte de que o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galiza 2007-2013 -que se nutre nun 58% de axudas do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e nun 42% restante con fondos do Goberno central e da Xunta de Galiza até sumar máis de 1.500 millóns de euros- “está sendo executado pola Xunta de Galiza con atraso e absoluta ineficacia, chegando incluso -tal e como denunciaron estes días varios sindicatos agrarios- a que se teñan deixado sen efecto numerosas axudas que estaban consignadas e orzamentadas para o ano 2010, e que nin sequera foron convocadas”.

Ademais, Ana Miranda denuncia que o Goberno do PP na Xunta “tamén reduciu moito a contía das axudas, mesmo no caso de axudas pendentes de cobro para os seus beneficiarios dende o ano 2009” e pon exemplos como as medidas 123, 214, 132, 133, 114, 115 ou 223 previstas no PDR de Galiza.

“Estas actuacións do Goberno de Feijoo están a agravar aínda máis a crise do sector agrario galego, xa que moitas explotacións atópanse con enormes de dificultades de supervivencia e precisan destas axudas”, advirte.

Ante esta situación, a representante do BNG presentou unha iniciativa no Parlamento Europeo na que lle pregunta á Dirección de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea se ten coñecemento da falta de cumprimento dos prazos de execución, da falta de transparencia na información das axudas e da redución das mesmas por parte do Goberno da Xunta, malia os compromisos adquiridos co Estado español e coa Comisión Europea.

Por último, Ana Miranda pídelle tamén á Comisión que facilite información sobre o estado de execución detallado das medidas do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galiza.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]