Guillerme critica a foguetería eleitoral de Feijoo para ocultar que non fai nada

Santiago de Compostela, 4 maio 2011.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu esta mañá de que o anuncio da Xunta de recorrer ante o Tribunal Constitucional o Decreto de Bancarización das Caixas así como as súas críticas aos prazos de chegada do AVE a Galiza “non son máis que fotos de artificio eleitorais para ocultar a pasividade e falta de lideranza de Núñez Feijoo na defensa dos intereses de Galiza”.

Guillerme fixo estas declaracións en Santiago na rolda de prensa posterior á reunión de traballo do Comité das Cidades do BNG, un órgano no que participan os cabezas de lista do BNG ás alcaldías das cidades galegas, así como os secretario de Organización, Montse Prado, e política municipal, Manuel Antelo.

Recurso de inconstitucionalidade: tarde, mal e arrastro e cando xa non ten ningunha consecuencia

Así, respecto ao anuncio da Xunta da súa intención de presentar recurso de inconstitucionalidade contra o Decreto de Bancarización das Caixas do Goberno Central, o portavoz nacional do BNG denunciou que “faise tarde, mal e inutilmente porque a estas alturas xa non terá ningunha consecuencia este recurso”.

“O BNG volvía ter razón: levámoslle esixindo a Feijoo que presentara este recurso hai meses, pero o PP non o fixo e por certo, dicindo que total para que”, lembrou.

Por iso, considerou “sorprendente que en plena campaña eleitoral, para tapar as súas deficiencias na defensa da caixa galega, Feijoo anuncie a presentación deste recurso”.

Prazos do AVE a Galiza: Feijoo descobre América


Ademais, Guillerme denunciou que “tan escandaloso coma isto resulta que o PP acabou descubrindo que os prazos do AVE non se van cumprir e que no 2015 non chegará o AVE a Galiza”.

Neste sentido, o líder do BNG denunciou que “este descubrimento, xusto tamén en campaña eleitoral, por parte de Feijoo faise despois de dous anos de presidente da Xunta e de goberno do PP nos que estivo favorecendo o aprazamento sine die da construción das infraestruturas ferroviarias”·

A este respeito, Guillerme lembrou que “o BNG díxoo cando asinaron o famoso Pacto do Obradoiro: dixemos que era un pacto fraude que só perseguía gañar tempo e que o AVE non chegaría no 2015”.

Por iso, o portavoz nacional do BNG non dubidou en advertir que “estes dous movementos políticos, estes dous foguetes preeleitorais do señor Feijoo son para ocultar a súa falta de lideranza, a súa falla de actividade na defensa de Galiza”.

“Volve facer o que nos ten acostumados: botar a culpa ao Goberno Central, que por suposto a ten, pero eludir as súas propias responsabilidades como presidente da Xunta”, resumiu.

“Ultimamente está de moda a doutrina Mouriño, e creo que é a que aplica o presidente da Xunta”, concluíu o portavoz nacional do BNG

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]