1º de maio: Guillerme esixe un cambio nas políticas de dereitas de PP e PSOE, que só provocan máis paro e precariedade

Vigo, 1 maio 2011.-O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, esixiulle hoxe aos gobernos Central e da Xunta un cambio de políticas, “porque as actuais só levan a máis paro e peores condicións de vida para a maioría da sociedade”.

Guillerme participou esta mañá en Vigo na multitudinaria manifestación da CIG con motivo do 1º de Maio, Día da Clase Traballadora.

En declaracións aos medios, Guillerme afirmou que “este primeiro de maio é bo para volver manifestar o desacordo do BNG coa política de dereita que está levando adiante o Goberno Central e o goberno da Xunta”.

E é que para o portavoz nacional do BNG estas políticas “demóstranse absolutamente fracasadas, porque o retallamento de dereitos sociais e laborais o único ao que están a conducir é a incrementar o paro, a precarizar as condicións de traballo e a empeorar as condicións de vida da xente, simplemente para que a banca cada día teña a conta de resultados máis saneada”.

“Ao BNG preocúpalle a conta de resultados da xente, non a da banca”

Neste sentido, Guillerme volveu defender que “é necesario cambiar esta política económica e empezar a facer políticas pensadas nas persoas: nos asalariados e asalariadas, os autónomos, os pequenos e medianos empresarios”.

“Hai pensar na conta de resultados das persoas e non na conta de resultados de Botín, que é o único do que se preocupan o goberno Central e o da Xunta”, subliñou.

“O señor Feijoo non pode dicir que con el non vai o problema do paro”

En segundo lugar, o portavoz nacional do BNG esixiulle a Núñez Feijoo que, “como presidente da Xunta que é, non pode seguir facendo de presidente avestruz: agochar a cabeza debaixo da area e dicir que con el non vai o problema do paro e da crise”.

Neste sentido, demandoulle o presidente da Xunta que “se poña á fronte e empeze a facer políticas que contribúan a diminuír o principal problema que ten esta sociedade que é o problema do desemprego”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]