O BNG apoia as manifestacións convocadas pola CIG no Día Internacional da Clase Traballadora

Imaxe da manifestación celebrada na folga xeral

O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, secundará coa súa presenza a manifestación de Vigo

Santiago de Compostela, 29 Abril 11.- O BNG apoia as manifestación convocadas pola CIG para este domingo, 1 de Maio, Día da Clase Traballadora. O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, estará na mobilización convocada en Vigo.

O BNG expresa ante este 1 de Maio a súa aposta inequívoca polo cambio radical das políticas económicas de dereita que teñen provocado a crise e a destrución de emprego até alcanzar os 250.000 parados e paradas en Galiza.

O BNG apoia e ten apoiado as mobilizacións convocadas polo sindicalismo nacionalista porque estamos ante un momento en que é máis preciso que nunca opoñerse ás políticas antisociais despregadas polos Gobernos do Estado e da Xunta.

“É profundamente equivocada a idea de que é necesario recortar os dereitos sociais para saírmos da crise, todo o contrario. Non é posíbel reactivar a economía se a maioría social non recupera o seu poder adquisitivo e a confianza no futuro”, advirte Guillerme Vázquez.

"A resignación non nos leva a ningures. Hai que rebelarse contra a subordinación dos poderes democráticos aos poderes económicos. Hai que recuperar a primacía da democracia sobre os mercados. Esa é a vía para saírmos da crise con xustiza social. E a esa vía se chega se a sociedade se move e se mobiliza en defensa dos seus dereitos", afirma o portavoz nacional, Guillerme Vázquez.

Horas e lugares das manifestacións
Vigo: 12.00 horas dende o cruce da Doblada.
A Coruña: 12.00 horas dende a Praza de Vigo.
Pontevedra: 11.30 horas dende a Praza da Ferrería.
Ferrol: 12.00 horas dende a Avenida de Esteiro (local da CIG).
Santiago: 12.30 horas dende a Praza Roxa.
Lugo: 12.30 horas dende a Ronda da Muralla (edificio sindical).
Ourense: 12.00 horas dende o Pavillón dos Remedios.
Viveiro: 12.00 horas dende a Praza de Lugo.
Ribeira: 12.00 horas dende a Praza do Peixe.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]