Galiza Nova chama á mocidade a concentrarse con maletas diante da Xunta para esixir emprego

Santiago de Compostela, 27 abril 2011.- A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, fixo hoxe un chamamento á mocidade galega para que mañá, xoves, se concentre con maletas ante as oficinas de emprego da Xunta de Galiza para denunciar a falta de futuro laboral e esixir un cambio nas políticas en materia de emprego tanto da Xunta de Galiza como do Goberno Central.

Nunha rolda de prensa esta mañá en Santiago de Compostela, a secretaria xeral de Galiza Nova denunciou que “en Galiza hai case 250.000 parados, dos cales máis de 55.000 son menores de 30 anos, e deles máis da metade con titulación superior”.

Ademais, lembrou que “a eles hai que sumarlles as persoas con contratos temporais e en precario: bolseiros, falsos autónomos, contratos a tempo parcial...e e que en Galiza suman unhas 70.000 persoas novas”.

Unha taxa de paro xuvenil que en Galiza chega ao 40%

Estas cifras fan que a taxa de paro xuvenil en Galiza sexa das máis elevadas do Estado e chegue ao 40%. Ante esta situación Iria Aboi preguntouse “onde está o goberno do PP e o señor Feijoo? Cremos que o seu goberno nin sente nin padece, simplemente non está, porque despois de dous anos de goberno non hai ningunha medida para atallar o desemprego xuvenil e nin sequera puxeron en marcha o Plan de Emprego Xuvenil que tanto anunciaron”.

“A mocidade galega non quere coller as maletas, que as colla Feijoo e o seu goberno”

Neste sentido, Iria Aboi asegurou que “dende Galiza Nova saudamos o manifesto Estamos fartxsl, queremos emprego! como unha iniciativa que pretende remover as conciencias de todos aqueles e aquelas que sofren o desemprego e a precariedade laboral para pasar da resignación á mobilización”.

“Hai alternativas ás políticas que nos levaron a esta situación, pero pasan porque a mocidade galega se responsabilice e actúe como están a facer os mozos e mozas portugueses, e esa alternativa é a mobilización para que as políticas teñen en conta aos mozos e mozas”, subliñou.

Concentracións mañá diante das oficinas de emprego da Xunta

Así, para mañá xoves, 28 de abril, están convocadas concentracións diante das oficinas de emprego da Xunta de Galiza co lema “Quedade vos coas maletas, nós queremos emigrar” para “amosar o rexeitamento ás políticas que fan que non teñamos futuro na nosa terra e obrigan á mocidade a emigrar”.

“Nós queremos traballar non emigrar, a maleta que a colla o señor Feijoo, porque se non sabe gobernar e crear emprego que se vai. Nós o que queremos é emprego, traballar e ter futuro na nosa terra. Por iso demandamos que a mocidade se implique”, concluíu a secretaria xeral de Galiza Nova.

As localizacións e horarios que están confirmados son os seguintes:

ACTO CENTRAL: Santiago de Compostela | Xoves 28 ás 12:30 h
Oficina de Emprego de Santiago-Centro. Rúa Ramón Piñeiro, n.º 7-9.

A Coruña | Xoves 28 ás 12:30 h
Oficina de Emprego da Coruña-Tornos. Avenida de Fisterra, n.º 227-229.

Lugo | Xoves 28 ás 13:00 h
Oficina de Emprego de Lugo-Norte. Rúa Río Cabe, n.º 8-10.

Ourense | Xoves 28 ás 12:30 h
Oficina de Emprego de Ourense-Centro. Rúa Progreso, n.º 11.

Vigo | Xoves 28 ás 12:15 h
Oficina de Emprego de Vigo-Coia. Rúa Baiona, n.º 28.

Melide: xoves, 28, ás 12:30 horas. Na rúa Eduardo Álvarez Carballido número 1.

Carballo | Venres 29 ás 17:00 h
Oficina de Emprego de Carballo. Rúa Luís Calvo, esquina Praza da Cruz Vermella s/n.

Xinzo de Limia | Venres 29 ás 19:30 h
Oficina de Emprego de Xinzo. Avenida de Madrid, n.º 42.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]