A proposta do BNG, a Alianza Libre Europea oponse á vertedura de residuos radiactivos na costa alántica galega

Ana Miranda, Gonzalo Constenla, Roi García e Xabier Macías, diante do Parlamento das Allands

Unha delegación da formacón nacionalista participou a pasada fin de semana na VIII Asemblea Xeral da ALE nas illas Alland, Finlandia

Santiago de Compostela, 18 Abril 11.- Unha delegación do BNG, encabezada polo secretario de Relacións Exteriores da Executiva Nacional, Gonzalo Constenla, participou a pasada fin se semana na VIII Asemblea Xeral da Alianza Libre Europea (ALE), que se celebrou nas illas Alland, en Finlandia.

A delegación nacionalista impulsou dentro do debate do relatorio sobre a enerxía nuclear, unha emenda de condena e rexeitamento da pretensión de estados como o dos Países Baixos de verter os seus residuos radiactivos na foxa atlántica galega. Esta proposta foi aprobada no plenario da asemblea da ALE e será trasladada en forma de iniciativa ao Parlamento Europeu.

O relatorio sobre enerxía nuclear centrábase na necesidade de dar un axeitado tratamento dos residuos e á obriga dos estados que fan uso dela de xestionar estes residuos dentro do seu territorio.

O BNG votou a prol de diversas iniciativas, entre elas a que demanda a soberanía enerxética das nacións sen Estado; o ensino das linguas nacionais nas zonas estremeiras; a solución dialogada do conflito basco; a democratización no Oriente Próximo e o Norte de África; a aposta por unha saída social á crise ou a redistribución dos escanos do Europarlamento.

Ana Miranda e Gonzalo Constenla no plenario

Denuncia da persecución do PP contra o galego

A delegación nacionalista galega da que fan parte Gonzalo Constenla, Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa, Roi García (Galiza Nova) e Xabier Macías (Fundación Galiza Sempre), aproveitou a apertura oficial da Asemblea para denunciar diante de todos os partidos da ALE a persecución á que o PP está a someter a lingua galega no noso país. Neste sentido, o BNG propuxo que as institucións europeas actúen contra a conculcación dos dereitos lingüísticos do noso pobo, incluídos os recollidos na Carta Europea das Linguas Minoritarias.

A asemblea aprobou, asemade, o relatorio sobre o dereito de autodeterminación. O texto define a autodeterminación como un dereito humano e democrático absoluto e define pobo ou nación como 'un grupo de seres humanos que posúe a vontade de identificarse como tal e de determinar o seu destino como pobo ou nación e que está ligado a unha herdanza e territorios comúns'. O relatorio bota man de toda a lexislación internacional e cualifica como positivo o exercicio deste dereito, nas súas diferentes consecucións e aposta polo alargamento interno da UE.

Na Asemblea participaron os sete eurodeputados do grupo parlamentar europeo da ALE ao que a finais de ano se unirá a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda. Xunto co BNG, participan na VIII Asemblea da ALE formacións políticas de pobos e nacións sen Estado en toda Europa.

Tras o Partido Nacional Escocés (no goberno de Escocia), o N-Va (forza máis votada en Flandres e en todo o Estado belga), o BNG, xunto co Plaid Cymru (forza no goberno de Gales), constitúe a terceira organización política da Asemblea Libre Europea en número, porcentaxe de voto e representación institucional.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]