Guillerme dubida de que se cumpran os prazos do AVE a Galiza

A Coruña, 9 Abril 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, dubida de que o tren de alta velocidade chegue a Galiza no ano 2015 e pediulle tanto ao ministro de Fomento como ao conxunto do Goberno Central que “teñan máis compromisos claros e se deixen de tanta propaganda, porque, incluso no caso de que o AVE chegase nesa data ao noso país, sería 23 anos despois da primeira liña do AVE a Sevilla”.

Guillerme participou esta mañá na Coruña nunha reunión da Comisión Eleitoral das Cidades, un órgano do BNG no que participan os candidatos á alcaldía das sete cidades galegas, así como membros da Executiva Nacional.

O portavoz nacionalista advertiu de que aínda que neste momento o Consello de Ministros acaba de autorizar a licitación, “a partir daí aínda haberá que licitar, adxudicar as obras e executar”.

“Polo tanto, ao BNG neste contexto fai unha valoración na que dubidamos de que os prazos previstos do 2015 sexan cumpríbeis”, asegurou.

Ademais, Guillerme chamou a atención de que “é a primeira vez que en infraestruturas desta importancia no Estado español vaise utilizar para facelas a famosa fórmula mixta público-privada; é dicir, favorecer o negocio dunhas cantas empresas ao longo de moitos anos”.

De todos xeitos, o portavoz nacional do BNG subliñou que “o que segue sendo unha evidencia é que a primeira liña de alta velocidade chegou a Sevilla alá polo 1992 e se se cumpren os prazos previstos, que o BNG non cré que se cumpran, se chega no 2015 chegaría a Galiza o AVE 23 anos despois, case un cuarto de século”.

Por iso, demandoulle ao Ministerio de Fomento e ao Goberno Central “que cumpra os seus compromisos, algo menos de propaganda e publicidade, e un compromiso máis claro para facer avanzar unhas obras que se demoran moito no tempo”.

O debate do AVE non debe tapar as malas conexións ferroviarias en Galiza


Por último, o portavoz nacional do BNG advertiu de que “o ferrocarril non é só a alta velocidade, que ten o seu interese, senón tamén as conexións interiores de Galiza ou con Portugal, onde padecemos un absoluto abandono”.

Así puxo como exemplo que a liña A Coruña-Ferrol non ten ningún proxecto de modernización, que a liña interior Lugo-A Coruña ou Ourense-Lugo segue estando en estado de abandono e onde nin sequera hai un proxecto concreto de conectarnos ferroviariamente con Portugal”. “O debate do AVE non debe tapar todo isto, pois estas liñas en Galiza son tamén de altísimo interese para os cidadáns”, concluíu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]