"Ou abandonamos as políticas de dereitas ou non superaremos o estancamento demográfico en Galiza"

O líder nacionalista avoga por criar unha banca pública galega para financiar os sectores produtivos do país

Santiago de Compostela, 7 Abril 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou esta mañá en rolda de prensa que “o cambio a fondo das políticas de dereitas é a chave para superar o estancamento demográfico do noso país”. “Ou abandonamos as políticas de dereita que practican tanto o goberno galego como o do Estado, ou non superaremos a grave situación de estancamento demográfico que padece Galiza”, considerou Guillerme.

Entre as alternativas económicas que defende o BNG para combater o paro e comezar a incrementar a poboación, o líder nacionalista puxo o acento na necesidade de dotar a Galiza dunha banca pública que teña como principal función a de financiar os sectores produtivos do país.

Guillerme indicou que a situación de estancamento e retroceso relativo en termos demográficos de Galiza a respecto do resto do Estado “evidencia o fracaso das políticas económicas e da política da Xunta nesta materia”.

O portavoz nacional foi especialmente crítico coas políticas que se están a levar adiante dende o goberno galego e o do Estado e indicou que “están ao servizo das grandes corporacións e as persoas non lles importan absolutamente nada. E reafirmamos que é necesario acabar coa ditadura dos mercados que están dando un golpe de estado contra a democracia”.

Guillerme lembrou que o BNG sostén desde hai tempo que “Galiza está nunha estado de emerxencia nacional cuns sectores produtivos básicos que están sendo agredidos sen que ningunha institución de goberno, nin a galega nin a estatal, os defendan politicamente”. Non só non os defenden, dixo, senón que mesmo adoptan decisións negativas para eles, como acontece en materia financeira (privatización da caixa galega) ou industrial (paralización do sector eólico).

Políticas insensatas e fracasadas que non calman a banca nin os especuladores e agora tócalle a Portugal que está contra as cordas. Situación ante a que o portavoz nacional manifestou a solidariedade do BNG e lamentou que “o pobo portugués terá que pagar a factura dunha situación de crise que non provocou”.

Guillerme salientou que “o que importa non é a conta de resultados de Botín, senón a dos traballadores e traballadoras, das familias”, ao tempo que apuntou datos como que o aumento do paro en 2010 atinxiu as 14.200 persoas ou como que medrou 11.933 entre decembro e abril deste ano. Así, o desemprego roza xa en Galiza a fronteira dos 250.000 parados e paradas dos que 55.000 son menores de 30 anos.

“Feijóo ten que poñerse as pilas”

O líder nacionalista describiu o que el cualificou como “panorama desolador” cun descenso nas afiliacións da Seguridade Social entre 2007 e 2011 de 88.902 persoas. No plano demográfico, a crise traduciuse en que o ano pasado Galiza perdeu 3.137 habitantes, cunha emigración de entre 25 e 28 mil persoas cada ano. Paralelamente, e mesmo pese a atravesar unha recesión, o Estado español incrementou a súa poboación desde o 2008 en máis dun millón de persoas.

O portavoz nacional do BNG afirmou que a receita para superar este problema é “democracia, máis autogoberno e un cambio das políticas económicas. É necesario regular a actividade bancaria e pór normas e freo á especulación financieira”. Guillerme enumerou medidas necesarias, entre ellas, “unha reforma fiscal, de maneira que quen máis ten, máis paga” e defendeu abertamente a criación dunha banca pública para facilitar o creto ás empresas e incrementar o investimento produtivo.

Ademais destas medidas, Guillerme reclamou a necesidade de facer “políticas específicas para o noso país cunha defensa dos sectores produtivos básicos (pesca, agro, naval)”. Nesta liña, o portavoz nacional instou a Núñez Feijóo a “poñerse as pilas e ter unha folla de rota e acción política propia”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]