Guillerme: "O BNG opúxose, oponse e oporase á nuclear, en Galiza e no resto do planeta"

Santiago de Compostela, 4 abril 2011.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, deu lectura esta mañá a un manifesto no que subliña que “o BNG opúxose, oponse e oporase sempre á enerxía nuclear, en Galiza e no resto do planeta”.

Guillerme interveu esta mañá na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela nun acto para expresar “a máis profunda solidariedade do BNG co pobo xaponés” e reiterar a oposición do BNG á enerxía nuclear. No acto participaron os membros da Executiva do BNG; deputados e deputadas no Parlamento Galego e no Congreso, así como candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades.

Se en Galiza hoxe non hai nucleares foi pola firme oposición do nacionalismo”

Guillerme asegurou que “o BNG fai votos para a catástrofe nuclear de Xapón se resolva dun xeito positivo canto antes e se salde cos menores danos humanos posíbeis e coa menor afectación posíbel ao medio ambiente”.

O portavoz nacional do BNG afirmou que a catástrofe de Fukushima “fainos revivir as mobilizacións en Galiza contra a instalación dunha central nuclear en Xove ou contra os verquidos de residuos nucleares na Foxa Atlántica”. A este respeito, subliñou que “hoxe podemos lexitimamente orgullarnos de que se hoxe Galiza non ten unha central nuclear foi pola firme e contundente oposición do nacionalismo a cantos intentos houbo de chantar no noso país un mostro como o de Fukushima”.

“A nuclear non é segura e só lle interesa ás grandes eléctricas”

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG advertiu de que “a catástrofe de Xapón demostra, unha vez máis, que a enerxía nuclear non é segura e só lle interesa ás grandes eléctricas, preocupadas unicamente por incrementar os seus beneficios”.

O PP apoia a enerxía nuclear e o PSOE cambiou a súa posición

A este respeito, Guillerme lembrou que “o BNG coa súa tenacidade política conseguiu que o 8 de setembro de 2006 o Parlamento Galego declarase Galiza país desnuclearizado, unha declaración na que se recoñece a inmensa maioría galegos e galegas”.

Porén, alertou de que “convén reafirmarse nesta declaración tanto no ámbito parlamentar como no municipal porque non podemos descoñecer a decidida intención do lobby eléctrico de construír novas nucleares e non podemos esquecer o decidido apoio do PP a este lobby nuclear ou o cambio de posición do Goberno do PSOE ao respecto”.

Ademais, o portavoz nacional do BNG advertiu de que “a campaña de presión a prol das nucleares, hoxe amortecida pola catástrofe de Fukushima, volverá con máis forza e só será posíbel frear a implantación destas auténticas bombas de reloxería no noso territorio coa firme oposición da maioría social”.

Guillerme defendeu que “a sociedade ten dereito a saber quen defende o país e quen defende as contas de resultados das grandes eléctricas” e salientou que a alternativa do BNG á enerxía nuclear pasa pola diminución do consumo eléctrico e por potenciar as enerxías renovábeis, “unha política que puxemos en práctica cando tivemos responsabilidades de goberno na Xunta de Galiza”.

Necesidade de información por parte do Goberno español

Igualmente, o portavoz nacional do BNG denunciou “a opacidade informativa sobre o que pasa en Xapón, cunha empresa que é a que decide como combater o accidente, e a que informa dos danos, e cun goberno que vai a remolque, un auténtico desvarío”.

“Non nos podemos fiar da información do goberno xaponés porque non nos podemos fiar da empresa”, advertiu.

Por iso, e unha vez constatado que chegaron restos de radiación de Fukushima á Península Ibérica, Guillerme reclamou que “sen alimentarmos o alarmismo, si temos dereito a que o Goberno español nos informe de xeito veraz e en tempo real do que acontece, porque até agora permaneceu mudo a este respeito”.

Guillerme concluíu declarando que “o BNG oponse, opúxose e oporase sempre á enerxía nuclear, en Galiza e no resto do Planeta, porque non é a solución, é xusto o problema”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]