Carme Adán: Eólico, mentiras e cintas de vídeo

Carme Adán

O tempo pasa rápido como o vento. Ese vento que agora medimos en megavatios de potencia, aeroxeneradores plantados nas serras do país e sentenzas xudiciais. Litros de tinta tóxica inundaron páxinas xornalísticas ao calor dunha suposta ilegalidade no concurso eólico. Feijóo fixo a súa campaña alentando tal ilegalidade e prometendo derogar o decreto anterior para repartir doutro xeito, e con outros intereses, a enerxía do país. Dous anos despois, todas as sentenzas que coñecemos veñen a confirmar a legalidade do concurso. Tres mil postos de traballo perdidos por tal tolemia e ninguén asume unha soa responsabilidade. Seguro que moitos lectores e lectoras se preguntarán coma min: que intereses existían para ese cuestionamento sistemático do concurso eólico? Se cadra o problema foi telo pensado en clave de país e buscando formar tecido empresarial propio. Se cadra era parte dunha estratexia electoral sen máis. Fora o que fora, a día de hoxe perdemos unha oportunidade de aproveitamento do vento para a nosa economía. A cambio o que temos é a retórica do PP.

E xa puidemos comprobar que mais alá da retórica non hai nada. Non hai creación de postos de traballo, de feito o desemprego en Galiza medra por riba da media. Non hai efecto xacobeo, o sector servizos decreceu un 2,6% en 2010 e a caixa vai camiño de ser un banco. Mentres tanto, Feijóo segue coa súa factoría de palabras e agora dálle pola diarrea lexislativa. Aí temos en forma de proxectos de lei o que poderíamos denominar, por unha banda, golpe definitivo ás políticas de igualdade a través da lei de apoio á familia e, por outra, tamén golpe de graza ao ensino da lingua galega legalizando as famosas consultas. Curiosamente, no título destas dúas leis, que corren paralelas no tempo de tramitación, reza a palabra convivencia.

Para quen me diga que tanto vento afectoume un pouco a cabeza, rétoo a que me diga que medida económica se adoptou para Galiza nos dous últimos anos. Desbotemos a visita de Bieito XVI, xa que só computa en termos do PIB espiritual, e só nos queda a derogación do concurso eólico. Agora que non só sabemos, senón que queda constatado que foi por sectarismo político, asáltanos unha dúbida a respecto das posíbeis indemnizacións millonarias que terá que pagar a administración galega por todo este caos intencionado.

Hai poucos días un presidente galego incapaz de mostrar un balance mínimo da súa xestión gabábase das prazas de galescolas e centros de día inauguradas por el grazas as infraestruturas herdadas. Non sei se aínda existen cintas de vídeo. Se alguén ten algunha con anacos da realidade que a garde baixo sete chaves porque a historia reescríbese todos os días. Imos camiño de non poder diferenciar entre a mentira, a retórica e a realidade.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]