Guillerme: "Feijóo ten que pedir desculpas polas mentiras masivas sobre o decreto eólico"

O portavoz nacional enfatiza que o decreto eólico obtivo a nota de “sobresaínte no exame” ao que foi sometido

Santiago de Compostela, 25 Marzo 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez afirmou hoxe que a sentenza que vén de emitir o TSXG “avala o decreto eólico do bipartito e todas as súas disposicións” e, xa que logo, acusou ao PP de “mentir masivamente para cambiar o concurso e adxudicarllo aos seus amigos e amigas”.

O líder nacionalista afirmou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza “someteu ao decreto a un exame minucioso e a nota que lle puxo é un sobresaínte”. Engadiu que a sentenza avala todas e cada unha das disposicións do decreto, desde a participación pública até a esixencia de solvencia técnica e financeira dos adxudicatarios.

En vista disto, o portavoz nacional demandou ao presidente da Xunta que “pida desculpas aos cidadáns e cidadás deste país por ter mentido a sabiendas”, e instouno a que cese ao Conselleiro de Industria “por hixiene democrática”.

Guillerme asegurou que o PP, “tal e como xa está a facer na precampaña das eleccións municipais, utiliza a mentira masiva como arma” no que cualificou de “política lixo”.

O resultado desta actuación de Alberto Núñez Feijóo e da Xunta do PP “non é inocua”. “As mentiras masivas e a derrogación dun decreto que agora a xustiza valida como legal tiñan un único obxectivo: darlle o vento ás súas empresas amigas, sen importarlles o grave quebranto económico que lle causaron ao país en forma de destrución de emprego e de parálise dun sector estratéxico para o país”, engadiu.

Milleiros de empregos destruídos

Pola súa banda, o portavoz de Industria do grupo parlamentar do BNG, Henrique Viéitez, insistiu en que as consecuencias da actuación do PP foron moi negativas para o país, “xa que destruíron milleiros de postos de traballo e impediron que se levase adiante un instrumento eficaz para loitar contra a crise económica”.

Viéitez indicou que “aínda non sabemos canto nos vai costar aos galegos e galegas a prepotencia e a falta de respecto do goberno galego”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]