Guillerme desbota unha "fronte común" coas forzas políticas que levaron a caixa galega a unha situación "dificilísima"

Santiago de Compostela, 23 Marzo 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, subliñou este mediodía trala reunión co presidente da Xunta sobre o futuro da caixa galega que o BNG desbota un “frente común” coas forzas políticas que levaron a caixa galega a unha situación de venda a prezo de saldo.

Trala reunión co presidente do Executivo Galego, un encontro que se alongou máis dunha hora, Guillerme Vázquez quixo deixar claro que a responsabilidade da “dificilísima situación” na que se atopa a caixa é do PSOE e do PP.

“O BNG propuxo as súas alternativas para salvar a caixa como tal caixa e para intentar que o aforro galego siga estando ao servizo da economía produtiva, do País, e co centro de decisión en Galiza; pero foron outros, dende o Goberno Central e dende o goberno da Xunta de Galiza, os que seguiron estratexias que nos conducen a onde estamos”, subliñou

Esixencia de responsabilidades aos que levaron á caixa a esta situación

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG afirmou que “quen levou politicamente a esta situación -o Goberno Central e o da Xunta- é quen ten que dar solucións para saír dela ou para salvar no posíbel os mobles dunha moblería que está en venda e a prezos de rebaixas”.

Feijoo debe plantexar recurso ante o Tribunal Constitucional

Ademais, Guillerme botou de menos “unha estratexia propia por parte do presidente da Xunta para defender o aforro galego”. A este respeito, pediulle a Feijoo que presente recurso ante o Tribunal Constitucional contra o decreto que bancariza e privatiza as caixas de aforros, unha norma aprobada recentemente no Congreso dos Deputados cos votos do PSOE e a abstención do PP, e ao que unicamente o BNG votou en contra. “Cremos necesario plantexar recurso”, subliñou.

Mobilización de recursos públicos galegos para conseguir o control galego da entidade resultante

Na mesma liña, o portavoz nacional do BNG transmitiulle ao presidente da Xunta a necesidade de “valorar a mobilización de recursos públicos galegos para conseguir un control galego da entidade financeira resultante”.

“Se todo vai como vai recorrerase a fondos públicos, e o FROB non deixa de ser un fondo público. Por que un FROB estatal e non un FROB galego?”, preguntouse.

Ademais, reiterou que “o BNG quere unha entidade financeira galega e cun novo modelo de xestións, vinculada á economía produtiva e non ao ladrillo”

Guillerme concluíu advertindo de que “estamos diante dunha encrucillada moi importante para Galiza: ante a posibilidade de que o aforro galego sexa expatriado e a caixa galega se bancarize e privatice”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]