O BNG reclama en todas as cámaras que se arbitren procesos para que as hipotecas poidan saldarse coa entrega da vivenda

Guillerme cualifica de “kafkiana” a situación que padeceron nos últimos dous anos perto de 4.000 familias galegas

Santiago de Compostela, 18 Marzo 11.
- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, o portavoz no Congreso, Francisco Jorquera, e a deputada Isabel Sánchez, presentaron esta mañá en rolda de prensa unha serie de iniciativas do BNG para que a entrega do piso poida cancelar a hipoteca en determinados casos.

O líder nacionalista describiu unha situación que cualificou de “inxusta e perversa” na que “milleiros de persoas, nunha situacioń kafkiana quedan sen piso e sen cartos e debendo aínda cartos ao banco”. Trátase, tal e como relatou, “dunha situación en que unha persoa merca un piso, o banco concede unha hipoteca e cando a persoa non pode pagar porque está no paro e sen recursos retasan o piso por debaixo do valor anterior”.

A portavoz de Vivenda do grupo parlamentar do BNG, Isabel Sánchez, explicou que o BNG defenderá esta semana vindeira no pleno unha proposición non de lei na que se insta ao Goberno galego a que se dirixa ao executivo estatal para que modifique a Lei Hipotecaria de tal xeito que os cidadáns e cidadás “poidan saldar a súa débeda coa entrega da vivenda” e desvelou que nos últimos dous anos “houbo un incremento do 70% nas execucións hipotecarias”.

Así, a deputada nacionalista especificou que en 2009 2053 familias non puideron facer fronte á hipoteca e até setembro de 2010 foron 1.460 as familias que se viron nesta situación na que “segundo a lexislación vixente, a entidade financeira pode seguir perseguindo o debedor contra todos os seus bens até cubrir a totalidade da débeda”.

Suba dos tipos de interese

Pola súa banda, o portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, relatou que o BNG rexistrou unha proposición non de lei e unha proposición de lei no Congreso -alén dunha moción no Senado- para modificar a lexislación de enxuizamento civil en materia de execución hipotecaria “porque a lexislación é enormemente ríxida e impide que se arbitren solucións intermedias á hora de ponderar o dereito das entidades financeiras a que lles sexa resarcida a débeda contraída e o dereito a unha vivenda digna”.

O portavoz do BNG no Congreso fixo especial fincapé en que a proposta “busca un equilibrio entre estes dous dereitos, de tal xeito que só se arbitrarían solucións en situacións nas que haxa razóns obxectivas e documentábeis ante un xuíz e só no caso da vivenda habitual”.

Francisco Jorquera explicou que a situación actual pode agravarse no caso de se confirmar a intención de subir os tipos de interese en plena crise económica. “Van ser máis as persoas que se atopen nesta situación de desprotección social” polo que o BNG ofrece como alternativa “un proceso de negociación tutelado que contemple outras alternativas como a transformación do crédito hipotecario nun contrato de arredamento”.

Os portavoces do BNG chamaron á responsabilidade ao resto de forzas políticas para que apoien estas iniciativas polo interese social que teñen.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]