Guillerme anuncia a oposición do BNG a unha intervención militar en Libia e pídelle ao Goberno español que non a apoie

Santiago de Compostela, 18 Marzo 11. O Bloque Nacionalista Galego vaise opor a calquer intervención militar estranxeira en Libia e, congruentemente con iso, pide ao Goberno español que, de habela, non se involucre nela.

Se se abrir finalmente a vía da intervención militar, o portavoz nacional pide ao Goberno español que “non participe en absoluto nela”, ao tempo que reflexionou sobre o feito de que neste asunto Alemaña “sexa en Europa a voz máis sensata”.

Así o dixo esta mañá en rolda de imprensa o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, quen avaliou a resolución aprobada onte polo Consello de Seguranza de Nacións Unidas.

“Quero deixar claro que agardo que esta resolución vaia dirixida a evitar que se produza derramamento de sangue e que sirva para evitar un conflito que supoña a perda de vidas humanas”, dixo o líder nacionalista, quen subliñou que “quero partir da boa vontade” de acreditar que a resolución vai “dirixida á protección do pobo libio”.

Dito isto, engadiu, “non deixa de surprender” que a resolución contase con abstencións “tan significativas” como as de Brasil, Alemaña, India, Rusia e China, o cal leva ao portavoz nacional a pensar, “e ogallá que isto non sexa así”, que a decisión da ONU dea paso “a unha intervención militar”.

Quixo salientar Guillerme que o BNG nunca defendeu nin a Gadaffi nin ao seu réxime, cousa que si fixeron “moitos Estados que agora queren ser punta de lanza contra el”, o que pon de manifesto a súa “dobre moral”.

Lembrou que o BNG sempre estivo en contra das “intervencións militares” en todas as partes do planeta.

“Somos moi críticos coa forma en que Israel actúa co pobo palestino, e lembramos que non hai moito machucou Gaza cunha intervención militar sanguiñenta, pero nunca pedimos que se bombardease Israel”, dixo.

DOBRE RASEIRO DA COMUNIDADE INTERNACIONAL E DA ONU

Pediu á chamada comunidade internacional e á propia ONU que non aplique un dobre raseiro e perguntouse por que “non se move un so músculo” cando Marrocos “aplasta as reivindicacións saharianas”.

“Por pór un exemplo, neste momento en Bahrein entran tropas xustamente para defender o Rei frente o pobo” e ante esta situación a ONU non fai absolutamente nada, “o que contrasta coa súa actuación ante Libia”.

Enfatizou que o BNG defende “non para estes pobos árabes, senón para todos os pobos” o seu dereito a vivir “con democracia, con xustiza social e con independencia nacional”.

AS VÍAS DO DIÁLOGO E DA RESOLUCIÓN PACÍFICA

“A ONU debería privilexiar sempre as vías do diálogo e da resolución pacífica dos conflitos, procurando sempre garantir que os pobos si podan materializar os seus dereitos á democracia, xustiza social e independencia nacional”, alegou.

“Xa desde a época de Napoleón, que seica ía traer a democracia ao Estado español, as intervencións militares nunca arranxaron os problemas e se non aí temos a situación que se está a vivir en Afganistán e no Iraque”, dixo o portavoz nacional.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]