Guillerme denuncia que PP e PSOE non rexeitan a instalación de centrais nucleares en Galiza

Vigo, 17 marzo 2011.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou hoxe que PP e PSOE non rexeiten a instalación de centrais nucleares en Galiza.

Referíase así á votación da proposta de resolución do BNG debatida onte no Parlamento Galego, no marco do Debate de Estado da Nación, na que se rexeitaba a instalación de centrais e cemiterios nucleares en Galiza, unha iniciativa que, porén, recibiu os votos en contra de PP e PSOE.

“Non deixa de sorprender que votasen en contra, por certo, contradicindo o votado nese mesmo parlamento no ano 2006 ante unha iniciativa practicamente idéntica do BNG que si recibiu os apoios de PP e PSOE”, advertiu Guillerme.

“Hai que estar do lado da xente e non do dos lobbies das eléctricas”

Ante esta situación, o portavoz nacional anunciou que “o BNG seguirá levando ese debate ao Parlamento e afirmando que nucleares en Galiza non, sendo coherente coa nosa posición histórica de rexeitamento deste tipo de enerxía, como cando se barallou a instalación dunha central nuclear en Xove ou a loita contra os verquidos nucleares na Fosa Atlántica”.

Asemade, anunciou que o BNG presentará mocións aos concellos galegos para que se declare a Galiza territorio desnuclearizado.

Ademais, Guillerme fixo unha invitación “a todos os grupos políticos a poñerse de lado das necesidades reais da xente, non dos intereses dos lobbies das eléctricas, que son os únicos que están interesados nesta forma de producir enerxía”.

Apoio do BNG ao pobo de Xapón

Por último, informou de que o BNG ven de remitir unha carta ao embaixador de Xapón “solidarizándonos e facendo nosos os problemas do pobo xaponés”.

“É o noso maior desexo que o problema nuclear que está pasando ese país non teña consecuencias para a poboación e que oxalá poidan controlar o que hoxe parece unha posibilidade de traxedia tremenda”, asegurou.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]