Galiza Nova organiza as I Xornadas: de Rosalía de Castro a nós “para contribuír a frear os retrocesos contra as conquistas das mulleres”

Cartaz das xornadas

Santiago de Compostela, 16 marzo 2011.- Galiza Nova vén de poñer en marcha as I Xornadas de Rosalía de Castro a nós, co obxectivo de “profundizar na vida e obra da autora fundacional galega e analizar os cambios impulsados polas mulleres na Galiza, dende os tempos de Rosalía”.

Durante 5 días, a Asemblea de Mulleres das mocidades nacionalistas pretende continuar a celebración do día 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, con estas actividades que se celebrarán na capital de Galiza o 17, 18, 31 de marzo e o 1 e 2 de abril.

Un dos aspectos centrais desta actividade, en palabras de Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova “é difundir entre a xente moza a obra e o pensamento de Rosalía de Castro, de clara actualidade para combater a discriminación que aínda soportamos as mulleres”. Para Aboi vivimos un momento no que “é a propia Xunta de Galiza a que abandeira os retrocesos nas políticas de igualdade mesmo impulsando lexislación, como o anteproxecto de Lei da Familia, claramente machista e antagónica cos dereitos das mulleres”

Dende as mocidades nacionalistas apuntan que o encontro tamén pretende analizar de xeito especial “como está a afectar o actual contexto de crise económica ás mulleres galegas”. Segundo Aboi “poñerémoslle rostro á crise contando coa experiencia das mariscadoras, das labregas, das asalariadas” e engade que tamén serán “un espazo para a proposta de alternativas, nomeadamente a nivel laboral, que camiñen cara a igualdade real”.

A Xunta non apoia a conmemoración do 125 aniversario do nacemento de Rosalía

Por parte de Galiza Nova sinalan que estas xornadas son “imprescindíbeis” neste momento e lamentan que “a Xunta de Galiza se desentendese das súas obrigas e non fixese o que era de xustiza durante o ano 2010 para conmemorar o 125 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro”. A secretaria xeral de Galiza Nova vai máis alá na súa critica e tamén considera “inxustificable o desinterese da universidade de Santiago de Compostela por impulsar actividades académicas propias que formen as mozas e mozos universitarios nestes temas e nomeadamente na figura de Rosalía tendo en conta que moitas/os serán docentes en lingua, literatura, historia ou economía”.

Programa das xornadas

Galiza Nova contará con figuras moi significadas nestas xornadas: a profesora Kathleen March, da universidade de Maine; Celia Armas, Mª Pilar G Negro ou Diego Pardo, da Universidade da Coruña; Aurora Marco e Luísa Muñoz, da USC; Luísa González ,do Observatorio da Mariña pola Igualdade, ou Elvira Patiño da CIG.

Así mesmo, presentarase o novo libro de Francisco Rodríguez sobre Rosalía de Castro, Estranxeira na súa patria, e o da Fundación Galiza Sempre sobre 22 documentos do Feminismo Galego con Carme Adán e Xabier Macías, ademais de contar cunha exposición, proxeccións e un Roteiro Rosaliano para remate das xornadas. A inscrición é gratuíta e todas as sesións ,agás a do día 2, serán no Salón de Actos da Biblioteca Ánxel Casal en Santiago de Compostela.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]