Guillerme replica ao deputado de CiU que Galiza ten dereito a ter as mesmas infraestruturas ferroviarias que o resto do estado

“O nacionalismo galego non aceptará nunca que Galiza sexa tratada como un País de segunda”, afirma o portavoz nacional, quen enviará unha carta ao secretario xeral de CIU para mostrar o malestar do BNG ante a posición expresada por Pere Macías

Santiago de Compostela, 15 Marzo 11. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, replica ao deputado de CIU Pere Macías que Galiza ten dereito a “ter as mesmas infraestruturas que o resto do Estado”.

En declaracións á www.bng-galiza.org, o portavoz nacional afirma que as declaracións de Pere Macías -favorábeis a que Galiza fique sen AVE- son “absolutamente inaceptábeis” e surprendentes ao seren formuladas por un representante político dun país que xa ten resoltas as súas necesidades en materia de infraestruturas ferroviarias.

“Que quede claro que o nacionalismo galego non vai aceptar nunca que Galiza sexa tratada como un País de segunda”, afirmou Guillerme.

O líder do BNG dirixirá unha carta ao secretario xeral de CiU para mostrar o malestar que na formación nacionalista galega teñen producido as declaracións de Pere Macías.

“No Estado español existía un deseño orixinario do AVE que deixaba fóra a Galiza. A presión política do nacionalismo galego, e as demandas da sociedade galega, foron chave para que ese deseño se reconsiderase. Agora non imos aceptar ningún tipo de retallamento nin de reconsideración dos proxectos comprometidos, proxectos que, por outra banda, marchan cunha lentitude exasperante. E aquí teño que referirme forzosamente á mellora da rede ferroviaria interna ou a conexión con Portugal”, afirma o portavoz nacional.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]