Galiza Nova considera que a “hipocresía e incoherencia” do Partido Popular non se vai tapar coa dimisión de Ángel Espadas

Santiago de Compostela, 14 marzo 2011.- A Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, vén de expresar a súa “indignación” a raíz da noticia aparecida en diversos medios de comunicación, nas que se relata a embriaguez do concellal compostelán e número 3 da candidatura de Conde Ronda e a súa posterior dimisión.

Para as mocidades nacionalistas este feito “amosa o problema que ten o Partido Popular para manter na práctica o que defende publicamente”. Así, Galiza Nova recorda que foi o propio Espadas quen xunto con outra concelleira do PP foron ao botellón compostelán facendo afirmacións que “criminalizaban á xente nova e que hoxe están en entredito”.

Para Iria Aboi este feito “é gravísimo e debería darlle que pensar ao PP sobre todo para rectificar as súas posicións políticas” e lembran que hai poucos días criticaron unha campaña de sensibilización posta en marcha polo PP na Xunta sobre condución segura na mocidade “para tapar a supresión do Noitebús” e cada día que pasa “é máis evidente que a sensibilización non é suficiente”.

Iria Aboi sinalou que “a espera do que ditamine a xustiza, a actitude deste representante público é dunha inxustificábel irresponsabilidade” e engade que “este non é o primeiro caso” nas filas populares. Aboi recordou o “escandaloso” episodio protagonizado por Nacho Uriarte, vocal de tráfico do PP no Congreso e presidente estatal de Novas Xeracións do Partido Popular.

Dende as mocidades nacionalista consideran que esta sería unha boa oportunidade para que o PP “rectificase nas súas políticas” e “tomase boa nota”. Nese sentido consideran que “nesta ocasión non houbo danos de ningún tipo pero puido habelos” e sinalan que “é preciso que a Xunta de Galiza invirta máis en iniciativas sobre seguridade viaria” e poñer novamente en marcha o transporte público nocturno.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]