Guillerme chama a manifestarse "por unha rectificación a fondo das políticas de aforro e emprego contrarias a Galiza"
Santiago de Compostela, 11 Marzo 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa na que fixo un chamamento á sociedade galega a participar na manifestación convocada para este domingo en Santiago de Compostela “para demandar unha rectificación a fondo” das políticas de emprego e aforro contrarias a Galiza que están a impulsar tanto o goberno do Estado como o galego.
O día despois de que o Banco de España dese a coñecer a valoración das necesidades de capital das distintas entidades financeiras e de que o Congreso aprobase o decreto privatizador da caixa galega, o portavoz nacional denunciou “o fracaso da estratexia” de Feijóo para manter a caixa galega que agora está “contra as cordas”.
O líder do BNG afirmou que ante esta situación, “tería que ser o propio presidente da Xunta quen convocase os cidadáns á rúa. Como non o fai el, como non o fai ninguén máis, faino o BNG”.
O portavoz nacional dixo que hoxe “máis ca nunca é necesaria a reacción socia para esixir responsabilidades e a modificación urxente das políticas que nos prexudican
Guillerme lembrou a evolución deste proceso no que o BNG “propuxo en primeira instancia a fusión e a lei de caixas, para a continuación criticar a renuncia á aplicación desa mesma lei. Tamén dixemos que a fusión era necesaria pero non suficiente para evitar que se privatizase a caixa galega”.
O portavoz nacional enfatizou que o BNG demandou do presidente da Xunta que convocase as forzas políticas galegas antes da aprobación do decreto, que garantise o voto contrario do PP na tramitación no Congreso e que presentase un recurso de inconstitucionalidade ante unha norma que viola o Estatuto de Autonomía de Galiza.
“Nada diso fixo. Feijóo elixiu a vía de esperar a ver se se concreaba o apoio do señor Rajoy, quen en algunha visita a Galiza afirmou que non toleraría a privatización da caixa galega. Pero á vista está que o señor Rajoy ten outros compromisos, o que é normal tendo en conta que o PP pactou desde o principio co PSOE o deseño conducente á privatización e bancarización das caixas de aforro”, relatou o portavoz nacional.
Gañamos o primeiro round
O BNG advertiu de que estabamos “diante do primeiro round dunha batalla que ía ser máis longa e que viría o segundo round. O noso diagnóstico era acertado e o segundo round chegou cun decreto que estabelece novas regras para conseguir o obxectivo de bancarizar as caixas”, concluiu o portavoz nacional.
Tal e como opinou Guillerme, o escenario agora é “dificilísimo porque PP e PSOE fixeron posíbel esta situación, son os responsábeis e veremos que saída pode ter” polo que insistiu na relevancia da mobilización e a reacción social neste contexto “que consiga cambiar políticas que levan ao país a un calexón sen saída”.
En resposta ás perguntas dos xornalistas, o portavoz nacional advertiu de que o que se pretende é que “a caixa acabe regalada a prezo de saldo desde a gran banca española a inversores internacionais”.
Tamén en resposta ás perguntas dos medios de comunicación sobre a responsabilidade dos directivos na situación en que se atopa NovaCaixaGalicia, o líder do BNG salientou que “nós desde o principio defendimos a primacía da tutela pública sobre a xestión dos directivos e por iso promovimos a lei de caixas. Dixemos por activa e por pasiva que os directivos teñen que dicir, pero non que decidir”.