Guillerme anima á sociedade a mobilizarse ante un goberno de Feijóo que "nin defende o aforro nin crea emprego"

O portavoz nacional lembra que “as políticas dos gobernos galego e central conseguen que Ferrol perda cada día máis poboación”

Ferrol, 9 Marzo 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta mañá en Ferrol nun encontro con axentes sociais da comarca no que analizaron a situación pola que se está a pasar e os animou a participar na manifestación convocada para este domingo, 13 de marzo, en Santiago de Compostela, baixo o lema “Galiza ten dereito. En defensa do aforro, o emprego e o país”.

O líder nacionalista estivo acompañado polo candidato á alcaldía, Xoán Xosé Pita, e algúns membros da candidatura, nun encontro ao que acudiron representantes de entidades veciñais, da Confraría de mariscadores, de COGAMI, Asociacion de Taxistas, Rumbo 21, cooperativa Covas, a asociación Fuco Buxán e Columba, entre outras.

O portavoz nacional do BNG lembrou que “é notorio que a aplicación do decreto do carbón vai ocasionar a perda de milleiros de emprego nesta comarca xa deprimida, baste ver como Ferrol está perdendo poboación. A nós parécenos inaceptábel isto parécenos inaceptábel”, así como tamén “o veto sobre a construción naval civil”.

“É necesario cambiar as políticas que está a facer o goberno central e a falta de políticas da Xunta, unha mínima defensa dos sectores produtivos”, concluiu.

Preocupacións dos colectivos

En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre os temas que centran a reunión, Guillerme indicou que os asistentes á reunión de hoxe comparten co BNG “as preocupacións fundamentais por temas como o naval, falla de infraestruturas ferroviarias ou o saneamento da ría e o que supón dende o punto da creación de emprego”.

Tamén sobre o tema das caixas, Guillerme lembrou “a ausencia de liderazgo de Núñez Feijóo, negándose a ter unha posición política” e dixo que “todo apunta que se o decreto se aproba, as cousas poden camiñar na dirección da privatización, a bancarización”. Neste contexto, o líder do BNG expresou a preocupación porque “a desaparición da caixa como tal terá consecuencias negativas para o futuro económico do país e por iso nós negámonos a aceptar unha decisión que é política e nada ten a ver con solvencias nin garantir o futuro desas entidades”.

“É unha decisión do goberno central, sen oposición do galego para que eses fondos vaian á banca e seguir na vía do oligopolio e a concentración bancaria”, continuou, “iso terá consecuencias negativas”.

Xoán Xosé Pita

Pola súa banda, o candidato á alcaldía de Ferrol, Xoán Xosé Pita, criticou duramente a “inacción do goberno municipal ante unha situación que se prolonga dende hai anos con perda de empregos e abandono total dos sectores produtivos do país e na que o concello non fai nada”.

Fronte a isto, o candidato nacionalista lembrou que o BNG sempre defendeu e seguirá a facelo a sectores como o naval ou o do carbón e terá a creación de emprego como un dos seus obxectivos fundamentais.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]