Guillerme advirte de que "o Goberno de Feijóo aplica políticas contrarias aos dereitos das mulleres"

O BNG celebra o Día Internacional da Muller cun acto ao que acudiron candidatas nacionalistas á alcaldía de diferentes concellos do país

Santiago de Compostela, 8 Marzo 11.- O BNG celebrou esta mañá o Día Internacional da Muller cun acto no que interviron o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, a Secretaria de Acción Feminista, María Méndez, a candidata á alcaldía de Ourense, Isabel Pérez, e ao que asistiron a Coordenadora Executiva, Teresa Táboas e doce candidatas do BNG á alcaldía doutros tantos concellos: Pilar Xiráldes, de Meis, Carmela Alfonso, de Vilanova de Arousa, Áurea Francisco, do Carballiño, Anabel Gulías, de Forcarei, Almudena Valiñas, de Avión, Pura Ferreño, de Coirós, Pilar Candocia, de Ames, Cecilia Pérez, de Redondela, Socorro Cea, de Melide, Rosana Pérez, da Pobra do Caramiñal, Vitoria Rei, de Dodro e Silvia Seixas, de Arteixo.

Na súa intervención, o portavoz nacional insistiu na necesidade de “varrer das mentes dos que gobernan e da sociedade a ideoloxía machista sobre a que se sustenta a desigualdade” e lembrou que “no contexto actual de crise económica, non podemos descoñecer que hai un goberno na Xunta aplicando un programa claramente regresivo para os dereitos das mulleres”.

De aí que sexa “máis necesario ca nunca redobrar o noso compromiso coa igualdade e así o facemos como BNG. Sen igualdade non hai democracia digna de tal nome e non pode ser unha proclama baleira, senón un obxectivo político e para iso son necesarias disposicións legais”.

“As actuais políticas impulsadas polo goberno central e galego, sustentadas nos dogmas neoliberais non permiten o avance cara a igualdade, máis ben avanzan no retroceso de dereitos adquiridos”, advertiu Guillerme Vázquez, “as rebaixas salariais, a privatización de servizos públicos, a diminución do gasto social, a precarización do emprego, a contrarreforma de pensións afectan de xeito singular ás mulleres. A precarización ten faciana de muller”.

Así, Guillerme lembrou que hoxe en día as mulleres aínda cobran 5.000 euros menos que un nome que desempeñe un posto de traballo similar e indicou que “a aplicación da contrarreforma das pensións dificultará a posibilidade das mulleres de percibir o 100% da pensión, dadas estas altas taxas de precariedade e temporalidade”.

“O goberno do señor Feijóo pode facer os autocánticos que queira, pero a realidade di que as políticas do goberno do PP van en dirección contraria”, aos intereses das mulleres concluiu Guillerme.

María Méndez

Na súa intervención, a responsábel de Acción Feminista da Executiva do BNG, María Méndez, reiterou o compromiso do BNG coa loita pola igualdade da muller, máxime, “nun momento de crise económica no que se intenta devolver á muller ao rol tradicional de nai e esposa”.

María Méndez lembrou que, neste momento “o paro é unha realidade que afecta a 130.000 mulleres en toda Galiza e a Xunta non fai nada por resolver esta situación, máis ben o contrario. Propicia medidas para devolver á muller do rol tradicional”.

Isabel Pérez

A candidata á alcaldía de Ourense, Isabel Pérez, interveu tamén no acto en nome das candidatas do BNG ás vindeiras eleccións municipais e lembrou que “nos concellos traballamos pola igualdade como obxectivo estratéxico que ten que ter desenvolvemento na realización de políticas transversais”.

De aí iniciativas como a creación de concellarías de Igualdade, a elaboración de planos de igualdade, ou outras medidas transversais coma “o impulso ao asociacionismo das mulleres, dinamizando a rede de organización e asociacionismo das mulleres e a constitución de áreas específicas de muller nos colectivos existentes, así como a elaboración dun plano de corresponsabilidade, ben como a necesidade de elaborarmos orzamentos sensíbeis ao xénero”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]