Jorquera insta aos deputados galegos de PP e PSOE a votar en contra do decreto das caixas "por ser contrario aos intereses do país"

O portavoz do BNG no Congreso repartiu esta mañá en Ferrol material informativo sobre a manifestación do 13-M

Ferrol, 6 Marzo 11. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, participou esta mañá en Ferrol nun reparto de material informativo sobre a manifestación convocada para o vindeiro 13 de marzo en Santiago de Compostela baixo o lema “Galiza ten dereito. En defensa do aforro, do emprego e o país”.

O deputado nacionalista, que estivo acompañado polo candidato á alcaldía de Ferrol, Xoan Xosé Pita, lembrou que o vindeiro xoves, 10 de marzo, sométese a votación no Congreso o decreto “que tenta forzar a bancarización e privatización das caixas de aforro, e que ameaza a galeguidade da caixa”.

Francisco Jorquera lembrou que a caixa é un instrumento “básico para o desenvolvemento do país, para propiciar que o aforro dos galegos e galegas revirta en beneficio e no progreso de Galiza, básico polo papel da súa obra social, básico tamén para achegar crédito a moitos pequenos e medianos empresarios e para boa parte da poboación galega, sobre todo do rural, que doutro xeito se vería excluída da prestación de servizos financeiros”.

“Os representantes políticos teñen que actuar na defensa dos intereses galegos”, lembrou o deputado do BNG, polo que instou aos deputados galegos de PP e PSOE “a votar en contra deste decreto que ameaza os intereses do país e dos galegos e galegas”.

O decreto privatizador das caixas debátese o xoves, 10 de marzo, no Congreso dos DeputadosO portavoz nacionalista no Congreso instou tamén á XUnta a “prsentar xa un recurso de inconstitucionalidade contra un decreto que invade competencias do goberno galego”.

A sociedade galega debe facer ouvir a súa voz

Francisco Jorquera describiu as ameazas que existen “sobre actividades económicas básicas do noso país, como é o caso do decreto do carbón ou as novas cotas impostas pola UE sobre a frota pesqueira ou a necesidade dunha regulación que asegure prezos xustos en orixe no sector leiteiro”.

“A sociedade galega debe facer ouvir a súa voz o vindeiro 13 de marzo”, subliñou Jorquera, “é imprescindíbel reaxir e os representantes políticos deben actuar en consecuencia”.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]