Guillerme advirte en Vigo de que a falta de lideranza e de iniciativa do Goberno de Feijoo está a por en risco a caixa galega

Guillerme e Santi Domínguez

Vigo, 1 Marzo 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou este serán nun acto público en defensa do aforro galego no Auditorio do Areal, en Vigo. No mesmo acto interviron a concelleira e candidata número dous do BNG, Iolanda Veloso, e o tenente de alcalde e candidato á alcaldía, Santi Domínguez.

O líder do BNG afirmou na súa intervención que “falta de liderazgo e de iniciativa do goberno de Núñez Feijóo está a pór en risco a caixa galega e o futuro do aforro de todos os galegos e galegas”.

Tal e como indicou Guillerme, nesta situación, “como o señor Feijóo nin está nin se lle espera, o nacionalismo asume o reto de tomar a iniciativa e de chamar a sociedade galega a que saia en defensa do Aforro, do Emprego e do País”.

“A estas alturas o señor Feijóo segue sen responder politicamente que vai facer o seu partido no debate de convalidación do decreto privatizador da caixa galega e segue sen anunciar o recurso de inconstitucionalidade contra un decreto que invade competencias exclusivas da Xunta en materia de caixas”, advertiu o líder do BNG.

Ante as múltiples informacións que se ofrecen sobre este tema, Guillerme quixo aclarar que “ésta é unha batalla política e só se gañará se hai unha resposta social masiva contra o intento do Goberno do PSOE de poñer o aforro galego en mans da banca privada, un intento frente ao cal o Goberno galego do PP apenas opón resistencia”.

Ante estes feitos, tal e como lembrou Guillerme, “o BNG, conxuntamente coa CIG, convoca unha gran manifestación nacional para o vindeiro domingo, 13 de marzo, en Santiago de Compostela”, ao tempo que fixo un chamamento á participación nesta mobilización que ten por lema “Galiza ten dereito. En defensa do emprego, do aforro e do país”.

Emerxencia nacional

“Galiza está a pasar por unha situación de emerxencia nacional”, afondou Guillerme, “coas cifras de paro rexistrando máximos históricos e con todos os sectores estratéxicos da nosa economía sufrindo un ataque sen precedentes por parte dos gobernos central e galego”.

“A reacción social, a mobilización é a única resposta posíbel ante a pasividade dos gobernos”, apuntou Guillerme, ao tempo que advertiu de que “o BNG non vai ficar calado, nin de brazos cruzados”.

Santi Domínguez: “Os problemas de Novacaixagalicia derívanse do Decreto do Goberno, non da fusión”

Pola súa parte, od candidato á alcaldía de Vigo, Santi Domínguez, sinalou que “as dificultades de Nova Caixa Galicia non se derivan da fusión, senón do decreto do goberno español que aumenta as esixencias para as caixas por riba do que marca a propia Unión Europea”. Así mesmo, indicou que “o BNG sempre mantivo unha postura coherente, fronte a outros que onte dixeron A, hoxe din B e mañá dirán C”.

O tenente alcalde de Vigo asegurou que “as caixas sempre serán mellores que os bancos desde un punto de vista progresista, porque fan obra social, e sobre todo, porque non reparten beneficios que van aos petos dos accionistas senón que os reinvisten”. Sinalou que as caixas “son entidades moi competitivas, e por iso a banca privada queira reducir o seu papel na economía, porque lle quitan negocio, como teñen denunciado numerosos economistas críticos”.

Lembrou que as “cajas de ahorros y monte de piedad” foron no seu día fundadas como alternativa aos usureiros, “sendo a única opción que tiñan a xente do común de acceder ao crédito”. No seu discurso repasou a importancia que tivo a antiga CaixaVigo e logo Caixanova para a economía do sur de Galiza e do conxunto do país, mediante o apoio decidido aos sectores industriais, como a pesca ou o naval. Tamén destacou as distintas obras sociais realizadas pola caixa.

Porén, Santi Domínguez, afirmou que “a caixa puido estar mellor xestionada, ter evitado algunhas expansións precipitadas ou a concentración de investimentos no ladrillo”. De aí que o BNG apostase no seu momento por unha renovación dos órganos directivos, para que a cidadanía puidese manter o control sobre as entidades fundacionais. “As caixas son entidades semipúblicas de propiedade social, non son dos seus directivos”, dixo.

“Feijóo debe exercer as súas competencias”

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo enfatizou a importancia da mobilización social para manter o carácter fundacional das caixas e instou a que a Xunta de Galiza que preside o Partido Popular exerza as súas competencias. “Feijóo ten que exercer as súas competencias e actuar como presidente de todos os galegos e non como un representante do PP de Madrid en Galiza”, afirmou.

Para Santi Domínguez, aínda hai opcións de manter o carácter fundacional das caixas, se a Xunta e outras institucións públicas adquiren participacións das caixas. “É preciso demostrar que a sociedade galega se opón á bancarización e a que o poder decisorio sobre o 50% dos aforros dos galegos se traslade fóra do país”, asegurou, ao tempo que chamaba aos vigueses e viguesas a sumarse ás mobilizacións que o BNG vai realizar a prol do futuro de Nova Caixa Galicia. “Non queremos que os nosos cartos sexan xestionados por Emilio Botín, pola banca chinesa ou polo emir de Qatar”, concluíu.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]