O BNG responde ao paro da mocidade cunha proposta de Plano de Emprego Xuvenil

Comparecendo ante os medios

Santiago de Compostela, 20 Febreiro 11.- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, lamentou hoxe que a mocidade sexa das que máis está a padecer a situación de “emerxencia nacional” que sofre Galiza, véndose abocada de novo á emigración debido aos altos índices de paro, e advertiu que para xerar emprego non se pode partir de perspectivas “idealistas” senón que hai que apostar pola base produtiva deste País, e neste contexto “a bancarización das caixas non axuda, pois o aforro galego vai deixar de ir para a nosa economía, en xeral, e as nosas empresas en particular”.

Charlando cos mozos

Guillerme Vázquez, na rolda de prensa posterior á xuntanza coa Dirección Nacional de Galiza Nova, asegurou que non haberá posibilidades de crear emprego se non hai sectores produtivos que o poidan xerar, “se se fai desaparecer toda a nosa base produtiva” e perante esta realidade afirmou que cómpre “tomar o touro polos cornos”.

"Nós estamos decididos -engadiu- porque se non é o BNG, quen?. Nós estamos alertando, dicindo, dando as nosas alternativas, propoñendo e estamos dispostos a seguir defendendo con uñas e dentes este País, pero os demais, onde están?”.

Neste sentido, cuestionou tanto ao goberno do Estado, por estar a adoptar medidas tan lesivas, como ao da Xunta, por estar “desaparecido”, e criticou a Feijóo por ter afirmado que “nada podía facer” dándose o paradoxo, dixo, de que mentres se lamenta por non ter competencias tampouco fai nada por demandalas e prefire “esconderse” fronte os problemas, “para nota”, ironizou.

Punto sen retorno

Para o voceiro nacionalista, esta “acción combinada entre o PP e o Psoe” está levando ao País a un “calexón se saída”, a un “punto sen retorno”, pois ás medidas antisociais hai que sumar, por exemplo, o decreto do carbón, sobre o que reiterou que é “escandaloso” e “inaceptábel” que para salvar o emprego noutras partes do Estado se destrúan milleiros de postos en Galiza e que, fronte a isto, “o Psoe non atope resistencia no PP, pois a Xunta se limitou a presentar un recurso que o propio Tribunal de Luxemburgo cualificou de “pouco recurso”.

Momento 2.0 do encontro

O portavoz do BNG tamén se referiu, por exemplo á falla de defensa política do sector leiteiro; ás novas amenazas contra a conserva galega, debido ao acordo entre a UE e Papúa Nova Guinea; contra o arrastre, coa actual imposición de cotas “e así sucesivamente, incluida a caixa e o risco da súa privatización”.

Campaña Galiza Nova

Pola súa parte, a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, anunciou que van emprender unha campaña específica e chamarán á mobilización fronte ao “desgoberno” de Feijóo, pois explicou que é totalmente inxustificábel que dous anos despois non exista ningunha medida dirixida ao emprego xuvenil.

A este respecto, a acción de Galiza Nova e do BNG se complementará coa súa acción institucional, presentando diferentes iniciativas, entre elas un Plano de Emprego Xuvenil co que tentar frear eses dados “dramáticos” que o pasado mes de Xaneiro cifraban en 54.000 persoas menores de 30 anos en situación de desemprego, das cales o 50 por cento teñen titulación superior, “por non falar dos máis de 10.000 mozos e mozas que tiveron que saír do País en busca dun emprego digno o pasado ano”.

Outro dos asuntos que priorizou Iria Aboi do encontro con Guillerme Vázquez foi a análise da Lei de Convivencia, reafirmando o total rexeitamento á mesma, e os próximos comicios municipais,salientando a presenza de xente moza nas listas, “porque no BNG a xente nova conta, o BNG é garantía de que a mocidade se escoite e de que se fagan políticas para ela”.

Asemade, salientou que esta participación na campaña, no político ten como obxecto evitar que nos concellos se reproduzan as políticas negativas de Feijóo, pero tamén ten relevancia do ponto de vista de rachar tópicos sobre a mocidade o seu suposto “pasotismo” e “desafección” pola política. “Como reza o noso lema, é Tempo de Compromiso”.

 



 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]